● A área recreativa do Carballo acollerá, desde as 20:30 horas, unha sardiñada popular, animación infantil, cacharela, queimada e actuacións en directo do “Grupo Rayones” e “DJ Frank Fairlane” para celebrar a tradicional noite de San Xoán.
● Tamén, o 27 de xuño terá lugar o San Xoán de Seixas, unha celebración que contará con cea popular, fogueira, queimada e actuación de “Mery Música”.
O Concello das Somozas comeza a prepararse para a celebración da terceira edición da súa gran noite meiga, unha cita que busca dar a coñecer e recuperar as tradicións que acompañan a esta data tan arraigada e combinar o entretemento familiar coa cultura galega nunha contorna natural única.
Esta edición celebrarase o martes, 23 de xuño, a partir das 20:30 horas, na área recreativa do Carballo, cunha programación que inclúe unha ampla variedade de actividades e opcións de entretemento pensadas para todos os públicos.
Dentro da programación prevista, as alternativas para a mocidade ocupan un lugar central con diversas propostas de animación, tanto musical, protagonizada polo “Grupo Rayones” e “DJ Frank Fairlane”, como infantil para os máis pequenos. Así mesmo, os asistentes poderán gozar de citas tradicionais como a sardiñada popular, a cacharela, a queimada e o conxuro, pensadas para o lecer de todos os veciños e veciñas.
Juan Alonso Tembrás, o alcalde das Somozas, anima a toda a veciñanza a gozar desta terceira edición da noite meiga, “unha proposta cultural que gozou dunha excelente acollida nas anteriores edicións e que busca consolidarse como un punto de encontro interxeneracional, ao tempo que ofrece un evento lúdico, cultural e gastronómico nunha contorna natural única como é a da área do Carballo”.
Xuntanza de San Xoán en Seixas
No marco desta festividade, a parroquia de Seixas tamén acollerá a súa xuntanza de San Xoán o sábado 27 de xuño, catro noites máis tarde.
Esta cita, organizada pola Asociación de Veciños de Santa Marta de Seixas coa colaboración do Concello das Somozas, dará comezo a partir das 21:00 horas no campo da festa de Seixas.
A xornada dará comezo cunha cea que contará cun menú composto por diversos produtos típicos da economía galega, como empanada, churrasco, chourizo, panceta, patacas e, para rematar, postre. Terá un custo de 18 euros para os socios, 23 euros para os non socios e gratis para os nenos e nenas menores de 10 anos.
Tamén, seguindo as tradicións desta data, haberá fogueira e, ademais, “Mery Música” presentará unha actuación para amenizar esta velada tan especial. É importante subliñar que, para acudir a esta cita, é preciso inscribirse no 619 87 82 22 antes do 20 de xuño.
O rexedor das Somozas, Juan Alonso Tembrás, anima á veciñanza a achegarse a esta gran festa enmarcada na tradicional festividade de San Xoán e que “é a forma ideal de conservar as nosas costumes e cultura, ao mesmo tempo de participar dunha gran xuntanza veciñal”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.