• O concelleiro non adscrito pide abordar a situación desde o “sentido común”: “entre o alarmismo duns e a autocomplacencia doutros existe un punto medio que nos debe levar a actuar antes de que isto sexa un gran problema de convivencia”
• O edil volverá a levar ao Pleno unha proposta para crear unha mesa de diálogo con representación cidadá, servizos sociais e os tres corpos policiais, así como un pacto local con medidas “concretas, avaliables e calendarizadas”
O concelleiro non adscrito, Gonzalo Muíños, respondeu este venres ás declaracións do subdelegado do Goberno, Julio Abalde, trala Xunta Local de Seguridade nas que asegurou que “Santiago ten índices obxectivos de criminalidade que nos permiten estar relativamente tranquilos, pero somos sensibles tamén ás sensacións subxectivas da veciñanza”. Para Muíños, “a inseguridade que está denunciando a cidadanía non pode reducirse a unha sensación subxectiva” e pide “responsabilidade” nas declaracións públicas “porque a veciñanza non pode recibir a imaxe de que a clase política desoe a realidade que denuncian”.
“A agresión homófoba das últimas semanas non é subxectiva. Tampouco o foi o intento de asalto a unha vivenda en Vista Alegre. A pelexa con arma branca na Praza Roxa non é Intelixencia Artificial. As pelexas reincidentes no Toural tampouco. O intento de agresión a unha rapaza no casco histórico segue sen ser subxectivo. A agresión sexual que se produciu nun autobús é bastante grave. E a aparición de xiringas en Santa Marta tampouco debería tomarse a broma”, afirmou Muíños.
O edil considera que existen determinadas declaracións que non se deben realizar por responsabilidade institucional e advirte de que ignorar ou minimizar as preocupacións da cidadanía non contribúe a resolver os problemas. “A veciñanza está denunciando inseguridade. Entre o alarmismo que algúns queren crear interesadamente e a autocomplacencia doutros que non queren ver a realidade, debemos abordar esta cuestión desde o rigor que merece e desde o sentido común”, sinalou.
Nese sentido, Muíños lembrou que xa hai un ano as Non Adscritas propuxeron a creación dun Pacto Local pola Seguridade e a Convivencia para retirar esta cuestión da confrontación partidista e impulsar unha resposta compartida entre todas as forzas políticas con representación municipal. Unha iniciativa que volverá levar ao vindeiro Pleno co obxectivo de acadar acordos que permitan poñer en marcha medidas concretas nacidas do consenso e da escoita activa da cidadanía.
Ademais, aposta pola creación dunha mesa de diálogo permanente na que estean representados os veciños e veciñas, o persoal técnico dos servizos sociais e básicos e os tres corpos policiais con presenza na cidade. O obxectivo sería analizar a situación de maneira continuada, trasladar información e ferramentas á cidadanía e anticiparse aos problemas antes de que acaden unha maior dimensión.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.