Thursday 04 de June de 2026

O Concello e a compañía Noite Bohemia achegan o teatro clásico ás rúas e lugares emblemáticos da cidade


Ao longo de xuño e xullo ofreceranse funcións gratuítas de obras de autores como Shakespeare ou Eurípides en lugares tan significativos como o Castro de Elviña, o castelo de San Antón ou a praza de Azcárraga

Este verán, as rúas, prazas e monumentos máis emblemáticos da Coruña transformaranse no escenario vivo das maiores xoias da literatura universal grazas ao Concello, á recoñecida compañía teatral Noite Bohemia e a Museos Históricos. O proxecto pon en marcha unha ambiciosa iniciativa cultural que se desenvolverá durante os meses de xuño e xullo. O obxectivo desta principal é descentralizar a cultura, poñer en valor o patrimonio histórico da cidade e ofrecer á cidadanía unha alternativa de lecer de altísima calidade artística.
“As obras mestras non son si novas nin vellas. Por iso son obras mestras. Coa representación aberta de alguns dos maiores clásicos do xénero dramático, centos de persoas asomaranse por primeira vez á maestría dunhas pezas que, a través dos séculos, falan dun xeito moi vixente. O teatro é un camiño directo á aprendizaxe, e o Goberno de Inés Rey vai seguir involucrándose en proxectos culturais como estes porque son, sobre todo, proxectos en beneficio da cidade e dos cidadáns”, subliñou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que presentou hoxe o programa completo no castelo de San Antón acompañado de Javier Fernandez Mariño, director de Noite Bohemia.

A través desta proposta, a arquitectura, a arqueoloxía e o teatro clásico daranse a man para converter á cidade na mellor escenografía posible. Cada función será de acceso libre e completamente gratuíta, consolidando á Coruña como o gran epicentro e escaparate do teatro clásico no norte peninsular, unindo a pluralidade cultural coa divulgación do seu patrimonio material.

Raíces locais e recoñecemento nacional

O ciclo conta co valor engadido de estar liderado por Noite Bohemia, unha compañía puramente coruñesa que, a pesar de contar cunha sólida traxectoria de xiras por toda España e ser galardoada co prestixioso Premio Nacional de Teatro Clásico en Traxedia Grega (outorgado polo Ministerio de Educación), mantén o seu foco e a súa ilusión postos na cidade. Para a formación local, este proxecto non é unha representación máis, senón a oportunidade de devolver aos seus veciños esa bagaxe, compartindo a rigorosidade e a beleza dos textos clásicos dun xeito próximo e directo coa cidadanía que os viu nacer e crecer de xeito artístico.

Pola súa banda, o Concello apoia firmemente este proxecto dentro da súa estratexia de converter a cidade nun polo de alta calidade artística durante a época estival. Desde o Goberno municipal destácase que esta iniciativa cumpre unha tripla función: democratizar o acceso á cultura sacando o teatro dos edificios pechados, dinamizar o turismo cultural no norte peninsular e reactivar o orgullo pola historia local a través da dinamización dos seus Museos Históricos e contornas monumentais. “O Concello concibe así o espazo público non só como un lugar de paso, senón como un contedor cultural de primeiro orde accesible para todos os barrios e cidadáns”, engadiu Gonzalo Castro.

Unha viaxe no tempo a través de catro escenarios únicos

A programación foi deseñada minuciosamente para que cada obra dialogue directamente co espazo arquitectónico ou arqueolóxico que a acolle. As funcións principais comezarán ás 21.30 horas, cunha excepción horaria debido ás características da montaxe:
● 13 de xuño (21.30 h) | Praza de Azcárraga – “O sorteo de Casina” (Plauto): A comedia clásica dará o pistoletazo de saída neste céntrico espazo. As aventuras, enganos e enredos dunha voda amañada farán as delicias de todos os asistentes, demostrando a vixencia do humor clásico.
● 21 de xuño (20.00 h) | Castelo de San Antón – “Moito ruído e poucas noces” (William Shakespeare): Por razóns de duración da obra, esta función adianta o seu inicio ás 20.00 horas. Durante 120 minutos, a emblemática fortaleza coruñesa transformarase nun xardín de Messina. Esta xenial comedia de enredos de amor e celos contará co atractivo de música en directo cantada polos propios actores, asegurando risos para todos os públicos.
● 18 de xullo (21.30 h) | Castro de Elviña – “As Troianas” (Eurípides): Nunha das citas máis potentes e evocadoras do ciclo, as milenarias murallas do Castro de Elviña converteranse nas murallas destruídas de Troia. O marco arqueolóxico servirá para mergullar ao espectador na crueza da guerra e a profunda reflexión sobre a súa inutilidade.
● 27 de xullo (21.30 h) | Praza das Bárbaras – “Medea” (Eurípides): O ciclo pechará neste belísimo recuncho da Cidade Vella cunha traxedia que, a pesar de ter máis de 2.500 anos, ecoa cunha actualidade sobrecogedora ao abordar temas tan complexos e lamentablemente vixentes como a violencia vicaria.

Con este ciclo, A Coruña reafirma o seu compromiso cunha cultura de calidade que sae ao encontro dos cidadáns e visitantes. Ao recuperar zonas de alto valor patrimonial mediante o uso artístico, a iniciativa non só promove o desfrute estético, senón tamén o coñecemento e o orgullo polo legado histórico local.

Desde a organización invítase a toda a cidadanía a participar activamente nestes eventos, lembrando que a entrada a todas as funcións é totalmente libre e gratuíta ata completar a capacidade dos espazos.

Como gran broche de ouro e adianto á actividade estival, a praia de San Amaro volverá acoller a VII MIAT (Mostra Internacional Area de Teatro), consolidando esta contorna como un escenario único no mundo con vistas directas ao océano Atlántico.

A Mostra será inaugurada pola propia compañía Noite Bohemia coa representación de “Helena”, de Eurípides, servindo de antesala para unha variada e potente programación de teatro profesional que incluirá:
● Improvisación teatral: A compañía As Teimas encherá a praia de frescura e espontaneidade co seu divertido espectáculo Bidibibabidibu.
● Talento galardoado: A actriz Raquel Crespo, recentemente nomeada nos prestixiosos Premios María Casares, poñerá en escena a obra “Entre fíos anda o lía”.
● Proxección nacional: Desde Valencia chegará a compañía Kalostro para presentar a súa proposta “Tangana”, completando unha oferta plural, aberta e diversa para todo tipo de públicos.

Con todo isto, a entrada a todas as funcións do ciclo e da Mostra será libre e gratuíta, invitando a toda a cidadanía a desfrutar dun verán onde a arquitectura, a arqueoloxía, o mar e o teatro danse a man na Coruña.

Deja un comentario