O Bloque Nacionalista Galego (BNG) participou este mércores na concentración convocada por SOS Sanidade Pública e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza diante do Hospital da Barbanza en defensa da sanidade pública e para denunciar o continuo incremento das listas de agarda, unha situación que afecta de maneira cada vez máis grave á veciñanza da comarca e do conxunto de Galiza.
A mobilización, impulsada no marco das protestas desenvolvidas hoxe diante de centros de atención primaria e hospitais de todo o país, serviu para reclamar unha atención sanitaria pública digna, de calidade e sen demoras excesivas para a poboación.
O responsable comarcal do BNG, Fran Rei, encabezou a representación nacionalista na concentración e denunciou “o deterioro cada vez máis evidente da Sanidade pública provocado polas políticas de recortes e privatización que aplica o Partido Popular desde a Xunta”.
“Estamos asistindo a un empeoramento da atención sanitaria, cunhas listas de agarda que medran tanto en Atención Primaria como no ámbito hospitalario. O PP está a empurrar á xente cara á sanidade privada pola vía dos feitos”, afirmou Rei.
O dirixente nacionalista reclamou un cambio de rumbo por parte do Goberno galego e esixiu “un reforzo inmediato con máis profesionais, medios e unha planificación sanitaria que contribúa a reducir as esperas excesivas que se viven hoxe en día para mellorar a situación xeral da Sanidade pública”.
Pola súa banda, o exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, advertiu de que o Partido Popular fixo un recorte de 1.650 millóns de euros no sistema público de saúde nestes anos de gobernos populares mentres aumenta os recursos que deriva á privada, até acadar só este ano 2026 a “cifra récord” de 341 millóns de euros.
“Na comarca do Barbanza estamos vendo como aumentan as dificultades para acceder a especialistas, probas diagnósticas ou intervencións nun tempo razoable. A sanidade pública é un dereito e imos seguir traballando dende as institucións pero tamén mobilizándonos e apoiando todas aquelas iniciativas que sirvan para defendela fronte os ataques que recibe do Partido Popular”, sinalou Pérez Barral.
Desde o BNG reiteraron o seu compromiso coa defensa dunha sanidade pública e de calidade, e fixeron un chamamento á poboaicón para continuar participando nas mobilizacións en defensa dun sistema sanitario “que garanta unha atención digna e sen listas de agarda excesivas”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.