Thursday 04 de June de 2026

O Concello de Oleiros organiza unha ruta polo Parque natural de Corrubedo


O Concello de Oleiros organiza o vindeiro 20 de xuño unha ruta pola contorna do Parque Natural de Corrubedo.

O vindeiro sábado 20 de xuño terá lugar unha nova edición do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, organizado polo Concello de Oleiros. A Ruta pola CONTORNA DO Parque Natural de Corrubedo.

A ruta, de 16 km, sairá de Aguiño para adentrarse no Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo, onde os participantes gozarán de boas vistas e perspectivas sobre este valioso espazo natural. O percorrido estará acompañado pola sombra do bosque de ribeira e diversas mostras de patrimonio etnográfico como muíños, lavadoiros, fontes… Ademais apreciaranse puntos de interese como a Lagoa do Carregal, Túmulo Pipín, mina de wolframio ou o Monte da Lavandeira para rematar nun dos monumentos megalíticos de maior significación en Galicia: o dolmen de Axeitos.

Este Programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.

Esta saída contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 23 euros, e preferencia para persoas empadroadas no Concello de Oleiros.

As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do luns 8 de xuño ás 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. Ocuparanse as prazas por sorteo entre todas as solicitudes rexistradas entre o luns 8 ás 10.00 horas e o martes 9 ás 14.00 horas e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.

Enlace inscrición:
https://sede.oleiros.org/sta/CarpetaPublic/doEvent?APP_CODE=STA&PAGE_CODE=CATALOGO&DETALLE=6269007486803517505301

Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org

Deja un comentario