Dez das doce actividades programadas estarán dirixidas aos nenos e nenas dos centros educativos de Brión, entre as que destaca unha gran Festa das Letras na carballeira de Santa Minia
O Concello de Brión vén de presentar un intenso programa de actividades para a conmemoración do mes das Letras Galegas 2014, dedicadas á figura do poeta chairego Manuel María. Unha programación que inclúe unha ducia de representacións teatrais, recitais de poesía, monicreques e charlas coloquio nas que participarán todos e cada un dos nenos e nenas escolarizados no municipio.
Porén, a programación tamén inclúe actividades abertas a toda a veciñanza. A primeira delas terá lugar o próximo venres 13 de maio, coa celebración dunha nova edición da “Noite en Branco” da Escola Municipal de Música Magariños de Brión. Así, entre as 22:00 e as 0:00 horas o alumnado da ESMU Magariños ofrecerá cinco concertos abertos á cidadanía noutros tantos espazos públicos: “Lento” (Aula 2 da Escola de Música), “Adagio” (Biblioteca), “Moderato” (sala de exposicións), “Allegro” (salón de plenos) e “Presstísimo” (centro social polivalente). A Banda de Música Municipal de Brión actuará como artista convidado deste ano.
A outra actividade será un contacontos sobre Manuel María que Larraitz Urruzola ofrecerá o xoves 26 de maio, ás 18:00 horas, na biblioteca municipal de Brión. “Babacontos con Manuel María” é unha actividade organizada polo Concello de Brión co apoio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Programación para os escolares
No que atinxe á programación dirixida aos escolares, todas elas terán lugar no auditorio do centro social polivalente, ata onde se desprazarán o alumnado do colexio, das unitarias e do instituto brioneses. Unhas actividades que o Concello de Brión programou tendo en conta a idade dos rapaces e rapazas, polo que cada franxa de idade terá a súa actuación diferenciada.
O pistoletazo de saída terá lugar este luns 9 de maio, ás 11:20 horas, coa charla-coloquio “Manuel María”, impartida por Darío Xohán Cabana e dirixida ao alumnado de Bacharelato do IES de Brión. O mércores 11 de maio, ás 11:20 horas, o alumnado do primeiro ciclo de Secundaria do IES Brión asistirá a un recital dramatizado sobre Manuel María a cargo de Serafín Marco.
Para a segunda semana do programa está previsto a representación de “O bigote de Mimí”, da man de Luís Vallecillo e a Banda do Cuberto. Dirixida ao alumnado de primeiro e segundo ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos, terá lugar o luns 16 de maio en dúas funcións: ás 10:30 e as 12:15 horas. O mércores 18 de maio, ás 12:30 horas, Títeres Alakrán presentará “Os soños na gaiola”, de Manuel María, ao alumnado de terceiro ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos. A semana pecharase cunha gran Festa das Letras na Carballeira de Santa Minia o venres 20 de maio. Unha gran festa en torno á figura do poeta chairego que incluirá poesía, música, baile e canto tradicional. Será a actividade máis concorrida, pois participarán todos os escolares do municipio: CEIP de Pedrouzos, escolas unitarias e IES Brión.
Finalmente, na derradeira semana do programa, o luns 23 de maio terá lugar a representación de “O coelliño branco”, de Trinketrinke Teatro, dirixida ao alumnado de educación Infantil do CEIP de Pedrouzos (10:30) e das escolas unitarias da Luaña, Os Ánxeles e Bastavales 12:15 horas). O mércores 25 de maio, Fantoches Baj presentará “O asombro con Manuel María” ao alumnado do segundo ciclo de Secundaria do IES Brión, ás 11:20 horas. Finalmente, o venres 27 de maio, ás 10:30 horas, Titereficciós presentará “Chove!”, unha obriña de teatro para bebés especialmente dirixida para os nenos e nenas da escola infantil municipal de Brión.