Os deputados nacionalistas Paulo Ríos e Iria Taibo, xunto co portavoz municipal en Culleredo, Tono Chouciño, interesáronse polo problema da seguridade viaria nas parroquias de Sueiro, Sésamo e Celas, e levarán ao Parlamento novas iniciativas para demandar o cumprimento dos compromisos sen concretar do goberno galego
Os deputados nacionalistas Paulo Ríos (portavoz da área de infraestruturas e transporte no Grupo Parlamentario do BNG) e Iria Taibo (deputada da comarca da Coruña), xunto co portavoz municipal en Culleredo, Tono Chouciño, reuníronse este mércores con veciños e veciñas afectadas polos problemas de seguridade viaria da AC-400 nos núcleos entre Valiñas e Peiro de Arriba (das parroquias de Sueiro, Sésamo e Celas) para interesarse pola situación actual.
Hai agora un ano, o goberno galego anunciara un compromiso en relación coa execución, durante 2026, dun proxecto técnico para dotar de sendas peonís unha parte desta estrada. Até hoxe, este compromiso non se concretou. Por iso, tanto os nacionalistas como a veciñanza reclaman a concreción destes compromisos.
É unha estrada cunha importante densidade de tránsito de vehículos (tanto turismos como camións e bicicletas, por tratarse dunha ruta coñecida polos ciclistas da zona), polo que a falta de beirarrúas resulta perigosa, tanto para os peóns como para os vehículos que circulan por ela. Na meirande parte do trazado, a estrada non ten beiravía, polo que os viandantes teñen que ir a pé polo medio dos carrís da estrada, co conseguinte problema de seguridade. Esta estrada atravesa varios núcleos de poboación, sen que exista ningún camiño alternativo que permita facer o percorrido a pé de xeito máis seguro. Alén disto, demandan medidas de calmado do tránsito nos arredores dos centros escolares, e mesmo organizaron varias accións públicas para sensibilizar a poboación sobre este problema.
A veciñanza, ademais de recoller 400 sinaturas en apoio da seguridade viaria nesta estrada, dirixiuse á Valedora do Pobo por este asunto, que lles comunicou que as sendas da AC-400 non foran seleccionadas como prioritarias desde o punto de vista técnico para a primeira fase do Plan de Sendas, e a información sobre a posíbel inclusión desta estrada nunha seguinte fase non é concreta, nin en prazos nin no tipo de obras que se poidan acometer, pois non hai resposta aos seus requerimentos.
A finais de 2025, a deputada da comarca da Coruña Iria Taibo rexistrou iniciativas ante o Parlamento Galego para demandar precisamente estas obras de mellora da seguridade peonil, e a formación nacionalista volverá insistir neste asunto, en concordancia coa demanda dos veciños e veciñas. O Bloque Nacionalista Galego tamén se interesará por esta cuestión no Pleno do Concello de Culleredo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.