O alcalde, Valentín Calvín, e a concelleira de Facenda, Isabel Rego, asinaron onte con representantes da entidade social o acordo para financiar con 45.000 euros proxectos estratéxicos, asistenciais e de inserción laboral.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, acompañado da concelleira de Facenda, Isabel Rego, recibiron onte na casa do concello á presidenta da Asociación Prol-Minusválidos do Ortegal (Aspromor), María Isabel Lozano, e á xerente da entidade, Araceli Blanco, para asinar o convenio de colaboración anual.
O goberno local destinará unha partida económica de 45.000 euros orientada de forma íntegra a financiar diversos proxectos estratéxicos da entidade social. Entre as liñas de actuación prioritarias que se impulsarán grazas a este fondo atópase a mellora, adaptación e modernización xeral das instalacións, así como a optimización constante da calidade dos servizos asistenciais que reciben os usuarios da asociación.
Así mesmo, a achega municipal servirá para apoiar a autonomía das persoas con discapacidade a través de iniciativas enfocadas á vida independente en vivendas tuteladas, garantindo ademais partidas para o transporte adaptado e o correcto mantemento da flota de vehículos da organización. Para rematar, o convenio contempla un importante impulso á inserción cun investimento específico en equipamento e maquinaria para o taller prelaboral de reparación de envases de plástico, consolidando así o compromiso do municipio coa formación e a inclusión sociolaboral.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, destacou a importancia deste convenio e sinalou que “este acordo é unha mostra máis do compromiso do noso Concello co benestar e a inclusión de todas as persoas de Ortigueira. Sabemos que Aspromor desempeña un papel fundamental na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e as súas familias, e este apoio económico permitirá que sigan crecendo e ofrecendo mellores servizos”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.