É preciso anotarse previamente nun formulario online
A veciñanza pedaleará un ano máis no Día da Bici que se celebrará no domingo, 21 de xuño, organizado polo Concello de Ribeira en colaboración co Club Os Saltamontes , a Asociación de Veciños de Carreira, o Club de Natación Ribeira, o GAEM, a Policía local e as tendas Sportbike e Dalle Pedal. O circuíto arrancará ás 11.00 horas dende a praza de España, que será tamén a meta, para percorrer distintas rúas da cidade nun itinerario de dificultade física e técnica baixa de aproximadamente 5 quilómetros.
O concelleiro de Deportes, Álex Vidal, explica que se trata “dunha actividade lúdico-recreativa, aberta á cidadanía de tódalas idades, que pretende fomentar e reivindicar o uso da bicicleta, tanto dende o punto de vista medioambiental ao promover unha mobilidade sostible, como dende a saúde, pois co uso da bici tamén exercitamos.
Ademais, é un evento moi interesante ao permitirnos pasear pola nosa cidade sobre dúas rodas e converterse nun punto de encontro interxeracional. Será imprescindible seguir en todo momento as recomendacións da organización e cómpre lembrar o uso obrigatorio do casco.”
Haberá tamén inchables para o desfrute dos máis pequenos da casa a partir das 11.05 horas. A retirada dos dorsais poderá efectuarse a partir das 10.00 horas e, ao final do evento, arredor das 12.30 horas, terá lugar o avituallamento e o sorteo de agasallos entre os participantes.
As persoas interesadas en participar deberán anotarse previamente a través do formulario online https://forms.gle/A41TzQVYaj5PjnQLA antes das 12.00 horas do 18 de xuño.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.