Thursday 04 de June de 2026

O Concello inicia as rutas de sendeirismo por fóra do municipio do programa “Ven e Descubre”


Un grupo de veciñas e veciños de Perillo Oleiros Nós e Iñás participaron na primeira saída de sendeirismo do programa Ven e Descubre, denominada «Lago das estrelas». Esta edición do Ven e Descubre desenvólvese baixo o lema «Mirando ao ceo», unha proposta onde todas as rutas teñen como fío condutor o firmamento abordado desde diferentes perspectivas.

O obxectivo central deste fío transversal é explorar e comprender como os astros determinan aspectos fundamentais da natureza, regulan os ciclos da vida dos seres humanos —desde as colleitas ata as lendas— e inflúen directamente no comportamento e migración de diferentes especies animais e vexetais. O proxecto busca promover a saúde física, a convivencia e o acceso ao patrimonio cultural dos veciños e veciñas maiores de 65 anos do municipio.

Nesta primeira xornada das tres previstas, os participantes completaron un itinerario cultural e ambiental que tivo que adaptar os seus tempos debido, precisamente, ás condicións do ceo. A xornada comezou nas alturas, concretamente no cumio da serra da Cova da Serpe. Para aproveitar ao máximo a mañá mentres agardaban por un ceo máis favorable, o grupo realizou unha parada cultural de grande interese para visitar a Torre de Friol. Acompañados polos guías, os camiñantes puideron coñecer os fitos históricos que gardan os seus muros de granito e as marcas dos antigos canteiros que aínda se conservan.

Cando as nubes deron unha tregua ao mediodía, o grupo iniciou o descenso seguindo os fíos da historia, a música e a literatura cara á paraxe do Boedo, na parroquia de San Xoán de Lagostelle (Guitiriz). O destino final foi nas brañas do Boedo.

Obxectivo do Goberno municipal con estas actividades vai moito máis alá do exercicio físico ou da mera socialización. Estas rutas non están deseñadas unicamente para camiñar; a cultura, a posta en valor do patrimonio e o descubrimento de como os astros rexen o noso contorno configúranse como o piar central do programa. Con iniciativas coma esta, búscase que as persoas maiores se manteñan activamente conectadas coa realidade que as rodea, enriquecendo o seu espírito a través do coñecemento histórico, artístico e científico do noso territorio. Do mesmo xeito, estas camiñadas son o espazo idóneo para que os propios participantes compartan e poñan en valor a súa propia bagaxe vital, xerando un enriquecedor intercambio de saberes diversos que dignifican e visibilizan o papel do colectivo na sociedade.

Deja un comentario