Feiraco e Únicla A2 darán a coñecer os seus novos produtos: unha nova liña de iogur grego e Kéfir A2 respectivamente. Clesa, pola súa parte, terá un espazo para a degustación dos seus iogures e postres
CLUN achegarase ao sector agrogandeiro cunha caseta de madeira na que se dará información e se programarán xogos e obradoiros para o público máis novo
A cooperativa rural galega CLUN suma un novo ano de presenza na Semana Verde de Galicia, que chegará á súa 48ª edición entre o 4 e o 7 de xuño na Feira Internacional de Galicia, en Silleda. Considerada o maior evento multisectorial do noroeste peninsular, a feira volverá ser un punto de encontro para a cooperativa.
Por segundo ano consecutivo, CLUN terá stand propio no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat), onde Feiraco, Clesa e Únicla centrarán o protagonismo con actividades para todos os públicos.
Ao longo dos catro días do evento feiral, quen se achegue ao stand poderá probar os novos iogures gregos de Feiraco, unha das apostas máis destacadas da cooperativa para esta tempada. A nova liña de iogures está composta por tres variedades: natural, pexego e unha combinación de froita da paixón, mazá e vainilla. Deste xeito, as persoas participantes poderán degustar os iogures gregos máis galegos, que proximamente estarán dispoñibles nos supermercados e tendas. Ademais, a nova gama destaca pola súa imaxe, cunha embalaxe ilustrada polo artista Carlos Arrojo, o que achega personalidade e identidade 100% galega a este produto.
No posto de CLUN tamén se poderá vivir a Experiencia Barista de Café Dromedario x Únicla A2, onde o café de especialidade e o leite Únicla A2 se unen nun maridaxe diferente. Pero esta non será a única sorpresa da marca, xa que a feira tamén servirá para dar a coñecer o próximo gran lanzamento de Únicla A2: o seu novo kéfir, un produto elaborado con leite 100 % A2. Procedente de vacas seleccionadas pola presenza exclusiva de proteína A2, este leite está asociado a unha mellor tolerancia dixestiva.
O novo Kéfir Únicla A2 estará en tendas e supermercados antes do mes de xullo, e nace nun contexto de forte crecemento desta categoría, impulsada polo interese dos consumidores pola saúde dixestiva e os alimentos funcionais. Trátase dun produto premium elaborado con leite Únicla A2, fermentos e lévedos, que estará dispoñible en tres variedades: natural, froitos vermellos (con framboesa, amorodo e açaí) e cítricos (con laranxa e mandarina).
Ademais, os iogures Clesa terán un espazo de degustación. Para rematar, unha ruleta de premios repartirá agasallos de CLUN entre os asistentes.
Caseta exterior: presente no agro
No exterior do recinto, CLUN manterá a súa caseta de madeira como punto de encontro co sector agrogandeiro. Alí, agricultores, gandeiros e visitantes en xeral poderán informarse sobre a oferta da cooperativa: pensos, sementes, fitosanitarios e asesoramento técnico, con persoal especializado dispoñible durante toda a feira para atender calquera consulta.
A caseta contará tamén cunha zona dedicada ao público máis novo. Un circuíto de tractores e obradoiros con monitores permitirán aos nenos e nenas descubrir o mundo do campo dunha forma lúdica e próxima.
Desde CLUN sinalan que “a Semana Verde permítenos tender pontes entre o traballo que se fai no rural e a sociedade en xeral”, así como que se trata “dun espazo para compartir, para explicar o que somos e para agradecer a confianza de quen nos elixe cada día”.
Sobre o evento
A Semana Verde de Galicia leva máis de catro décadas sendo un dos referentes do calendario feiral galego, cunha capacidade única para reunir nun mesmo espazo ao público familiar, a profesionais e ao sector produtivo. A participación de CLUN busca reafirmar o seu vínculo co ámbito rural e co desenvolvemento do sector gandeiro e agroalimentario.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.