● O goberno municipal adheríuse ao convenio entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para coordinar as actuacións ante a especie invasora
● O Concello conta cunha rede de 300 trampas xeorreferenciadas e a Administración autonómica encabezará a eliminación dos niños
O Concello de Curtis adheriuse ao convenio asinado entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a coordinación de actuacións no marco do Programa Galego de Vixilancia e Control fronte á Avespa Asiática (Vespa velutina) no ano 2026. A decisión reafirma o compromiso do goberno municipal coa loita contra esta especie invasora.
No marco deste convenio, a Xunta actúa a través da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) para canalizar os avisos dos concellos e encabezar a eliminación dos niños de velutina.
O Concello de Curtis dispón dunha extensa rede de 300 trampas xeorreferenciadas, que se localizan estratexicamente en diversos puntos do territorio. Persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) revisou a rede, substituíu máis de 200 trampas por unidades novas e renovou os líquidos atraentes para garantir a súa efectividade na época de maior actividade da especie.
A invasión da avespa velutina constitúe unha seria ameaza. Ten un impacto grave sobre as colonias de abellas, co conseguinte prexuízo para a produción apícola e para a polinización. Ademais, a proximidade dos niños a zonas habitadas representa un risco para a seguridade das persoas, especialmente para as vulnerables, como maiores, nenos e nenas ou persoas con alerxias.
O Concello de Curtis fai un chamamento á veciñanza para que se sume á loita colectiva contra esta especie. A colocación de trampas caseiras é unha medida eficaz para reducir a presenza da avespa velutina no territorio.
Ante o avistamento dun niño, a recomendación é afastarse e comunicalo canto antes chamando ao 012 ou ao 981 900 643.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.