Tuesday 02 de June de 2026

O Concello de Laxe convida a descubrir os segredos do Castro de Castrelo nunha charla aberta no Museo do Mar


O arqueólogo Manuel Lestón Gómez presentará os resultados da recente prospección arqueolóxica nun encontro cultural aberto a toda a veciñanza e visitantes

O Concello de Laxe organiza este mércores, 3 de xuño, unha interesante actividade cultural centrada na historia e no patrimonio arqueolóxico do municipio. O Museo do Mar de Laxe acollerá, ás 18:00 horas, unha ponencia sobre os resultados da prospección arqueolóxica realizada a comezos deste ano no Castro de Castrelo.

A charla será impartida polo arqueólogo director e autor do traballo, Manuel Lestón Gómez, quen dará a coñecer os principais achados, conclusións e aspectos máis destacados desta investigación arqueolóxica, que permite seguir afondando no coñecemento do pasado histórico de Laxe e da Costa da Morte.

Dende o Concello de Laxe anímase á veciñanza, así como ás persoas visitantes e amantes da historia, da cultura e do patrimonio, a asistir a esta actividade aberta ao público, que supón unha oportunidade única para coñecer de primeira man os avances realizados nun dos espazos patrimoniais máis relevantes do municipio.

A iniciativa enmárcase na aposta do Concello pola posta en valor da historia local e pola divulgación cultural, promovendo actividades que acheguen o patrimonio á cidadanía e contribúan a fortalecer a identidade cultural de Laxe.

Deja un comentario