Jesús Vázquez Almuiña visitou hoxe a sede da Asociación Rexurdir, en Pontevedra
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe a aposta “decidida” do Servizo Galego de Saúde pola completa normalización da atención ao paciente con trastornos adictivos. Nisto trabállase, explicou, conxuntamente co persoal dedicado ao diagnóstico, manexo e tratamento de trastornos adictivos e co resto de profesionais sanitarios, especialmente os dos servizos de Atención Primaria, Urxencias e Psiquiatría. “É unha tarefa complicada, pero ao mesmo tempo ilusionante”, asegurou.
Neste sentido, lembrou que hai dous meses fíxose entrega na Consellería dos convenios de colaboración asinados entre o Sergas e as entidades sen ánimo de lucro que desenvolven programas de atención á saúde mental e trastornos aditivos.
As actividades promovidas no marco destas subvencións, explicou, permiten promover a adopción de estilos saudables de vida e de ocupación do tempo libre entre os adolescentes e mozos galegos; potenciar, nos diversos colectivos nos que se intervén, factores de protección e reducir o impacto de determinados factores de risco asociados ao consumo de drogas; que outros colectivos implicados na prevención (familias, docentes, tecido asociativo diverso) funcionen como axentes de saúde; e reducir a incidencia de diversos problemas sociosanitarios relacionados co uso e abuso de drogas.
Vázquez Almuiña visitou hoxe a sede da Asociación Rexurdir, á que manifestou o seu recoñecemento polo seu labor e compromiso na atención a persoas con trastornos aditivos. Neste sentido, lembrou que esta entidade traballa con este obxectivo desde 1994 cun proxecto de loita contra as adicións e envorcado cara a reinserción social de persoas vulnerables.
Rexurdir colabora coa Consellería de Sanidade a través de dúas vías. Unha é por medio do convenio anual para o Programa de Atención Xurídico Social, que ten por obxecto prestar servizo xurídico-social á persoas que teñen problemática asociada coas drogas e que seguen tratamento nas Unidades Asistenciais de Drogodependencias de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e O Grove, así como no Centro Penitenciario da Lama.
A outra é a orde de vivendas de apoio ao tratamento de drogodependencias, para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias, que ten como finalidade apoiar ás persoas a tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma.