O Goberno municipal renovou por un ano máis o actual contrato do Servizo de Axuda no Fogar e comida sobre rodas, cun investimento de 1,9 millóns de euros. Trátase dun dos servizos máis importantes que presta o Concello e que neste momento atende nos seus domicilios a máis de 200 veciños e veciñas.
Este servizo municipal consiste en ofrecer atención persoal para actividades básicas e instrumentais da vida diaria, outras de carácter psicosocial e educativo así como servizos de apoio técnico, cadeiras de rodas, grúas, camas articuladas e servizos de apoio complementario: podoloxía, fisioterapia ou perruquería, así como viaxes en taxi, entre outras necesidades.
Entre os obxectivos principais deste tipo de contratos tan necesarios para mellorar a calidade de vida e autonomía persoal das persoas usuarias residen outros como ofrecer apoio a persoas coidadoras, fortalecer o sentimento de seguridade das persoas usuarias do servizo, posibilitar a permanencia da persoa no domicilio o maior tempo posible cunha calidade de vida aceptable, evitando así o seu ingreso nun servizo de aloxamento ou centro residencial; previr a deterioración e compensar a perda de autonomía das persoas usuarias, prestándolles axuda parcial ou total para realizar actividades básicas da vida diaria ou complementar o coidado das persoas menores cando os seus proxenitores ou titores teñen dificultades para garantir a atención das súas necesidades básicas.
As persoas usuarias seguirán pagando en función á súa renda, aínda que na maior parte dos casos a bonificación é do 100%.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.