Wednesday 03 de June de 2026

Neda abre dende hoxe ao público a oficina de turismo


Neda volve contar con servizo de información aos visitantes. Xa está aberta ao público a oficina municipal de turismo, situada ao pé do albergue do Camiño Inglés. A caseta, que aproveita o éxito da ruta xacobea, estará operativa a diario ata o 30 de setembro.

O Concello activa a infraestrutura turística, grazas á firma especializada, contratada con cargo á subvención de 11.000 euros concedida pola Deputación da Coruña á administración local. Unha axuda que permite reforzar o labor de promoción do destino durante os meses de maior afluencia de visitantes en xeral, e de peregrinos en particular.

Nun verán marcado polo eclipse total de sol, que terá lugar o 12 de agosto, a vila contará con persoal destinado a optimizar a información en destino sobre os principais recursos da localidade (fervenza do Belelle, casco antigo de Neda, miradoiro de Ancos, festa do pan de Neda…) así como da oferta cultural e da restauración locais.

Desta forma, o Concello aposta por mellorar a experiencia das persoas que pasan pola localidade, buscando que queiran repetir. Durante o tempo de apertura, a oficina de turismo converterase en punto de recepción dos peregrinos que queiran selar a súa Compostela, dos que busquen información e, como non, dos que desexen pernoctar no albergue da Xunta.

Deja un comentario