Wednesday 03 de June de 2026

O Concello completa as melloras na biblioteca do Castrillón, integradas no Plan de Centros Cívicos


A alcaldesa, Inés Rey, supervisou o resultado dos traballos, con melloras estruturais e de climatización

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá os traballos de mellora integral do conxunto do centro cívico e a biblioteca municipal do Castrillón. As actuacións que se están levando a cabo forman parte da primeira fase do Plan de Renovacións de Centros Cívicos Municipais, dotado cun total de 1,58 millóns de euros de orzamento, e que tamén inclúe obras en Labañou, San Diego e Os Rosales.

Neste caso, as actuacións, cun orzamento de case 350.000 euros, teñen como obxectivo resolver problemas derivados de filtracións no conxunto do edificio, tanto na fachada como na cuberta. Estase a actuar para evitar problemas estruturais que puidesen xeran outras patoloxías máis graves no edificio. “Desde o Concello, a través do Plan de Barrios, seguimos traballando para mellorar o día a día da cidadanía e ofrecerlles mellores instalacións culturais e sociais, como estas do Castrillón”, indicou Inés Rey, que estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Nereida Canosa.

Ademais, entre os traballos xa finalizados, dotouse á sala infantil da Biblioteca, situada no soto, dunha nova instalación de climatización e ventilación, co obxectivo de proporcionar un maior confort ás persoas usuarias, mellorar a eficiencia das instalacións e as condicións de habitabilidade. Por outra banda, tamén se reparará a pasarela interior que comunica a biblioteca co centro cívico, substituíndo o pavimento de madeira por un de madeira tecnolóxica que aguantará o paso do tempo e os axentes meteorolóxicos.

A visita da alcaldesa ao Castrillón prodúcese unhas semanas despois do fin das actuacións na biblioteca e centro cívico dos Rosales, tamén do mesmo plan de actuacións. O obxectivo é actualizar unhas instalacións que levan décadas ao servizo da veciñanza e convertelas en espazos máis confortables, accesibles e eficientes desde o punto de vista enerxético.

Deja un comentario