Friday 22 de November de 2024

A aplicación móbil do Camiño de Santiago de Turismo de Galicia xa está dispoñible para descargar en dispositivos android


Esta aplicación, que nace no marco do proxecto Smart Camiño, ten como obxectivo acompañar e guiar aos peregrinos na súa viaxe a Compostela

A aplicación móbil do Camiño de Santiago de Turismo de Galicia xa está dispoñible para descargar en dispositivos Android.

A aplicación, que nace no marco do proxecto Smart Camiño, ten como obxectivo acompañar aos peregrinos na súa viaxe a Compostela e ser a súa guía.

Trátase dunha aplicación móbil pioneira que ten a grande aspiración de consolidarse como líder no seu segmento.

A través da mesma, os peregrinos poden obter información sobre todas as rutas oficiais do Camiño de Santiago desde a súa entrada en Galicia: Camiño Francés, Ruta Fisterra-Muxía, Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño Inglés,Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, e Camiño de Inverno.

Os peregrinos dispoñen, así, en tempo real, de toda a información que necesiten en cada momento sobre os trazados oficiais das rutas xacobeas, a Rede Pública de Albergues coas súas características, horarios, localización, teléfono e fotografías; información sobre os eventos culturais -festas, concertos, talleres, etc- así como información detallada de todos os recursos turísticos -descrición, localización e imaxes-.

Así mesmo, os peregrinos poderán consultar nela onde comer, onde aloxarse e que visitar en cada un dos tramos do Camiño coñecendo a ampla oferta dos establecementos turísticos cos que conta.

Ademais, a aplicación permitiralles coñecer información meteorolóxica –ofrecida por Meteogalicia- así como datos de contacto e dirección dos centros de saúde e emerxencias.

Por outra parte, a plataforma dixital conta cun servizo de realidade aumentada que permite, a través da cámara do móbil, visualizar todos os puntos de interese situados nas proximidades.

No apartado ‘Meu diario’, os peregrinos poden gardar os momentos máis importantes do Camiño, a través de notas de texto e fotografías, para posteriormente, a través da funcionalidade do portal ‘A miña experiencia’ crear o seu propio libro dixital.

A aplicación está dispoñible nos idiomas galego, español e inglés e a maior parte das súas funcións poden ser empregadas sen necesidade de cobertura no móbil.

Aposta polas novas tecnoloxías
O desenvolvemento desta aplicación constitúe unha mostra máis da aposta da Xunta de Galicia pola incorporación da innovación, a calidade e a competitividade no sector turístico.

Esta aposta está reflectida no Plan Integral de Turismo de Galicia que dedica unha das súas oito liñas estratéxicas ao fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente.

No marco do Smart Camiño, Turismo de Galicia puxo xa en marcha numerosas iniciativas para o impulso de melloras na xestión e na innovación nos procesos de articulación, promoción, comercialización e xestión do principal produto turístico da nosa comunidade, o Camiño de Santiago.

Así, a Rede Pública de Albergues do Camiño conta xa con rede wifi gratuíta nun 84% -porcentaxe que acadará o 100% nos vindeiros meses- e a Ruta Xacobea conta xa cunha páxina web específica, caminodesantiago.gal, con toda a información necesaria para emprender a aventura que supón facer o Camiño.