O prazo de inscrición abre ás 09.00 horas do 8 de xuño
O Concello de Ribeira convida a facer exercicio durante o verán de 2026 cunha nova edición das Escolas Deportivas. A oferta dirixida á rapazada consta de 11 disciplinas e 580 prazas (330 das Escolas Deportivas propiamente ditas e o restante correspóndense coas actividades náuticas): baloncesto, nada e corre, pádel, patinaxe, psicomotricidade, tenis, voleipraia, xadrez, iniciación á vela, iniciación ao surf e windsurf/paddle surf/kaiac. As clases impartiranse do 1 de xullo ao 28 de agosto.
“Chega o verán e, con el, a rapazada desfruta de tempo libre que pode inverter na actividade física. Por iso, dende o Concello de Ribeira lanzamos unha nova edición das Escolas Deportivas de Verán que corrobora o compromiso da Administración local coa promoción do deporte dende idades temperás. Temos diferentes disciplinas que tamén reforzan o vínculo do noso municipio co mar e, o verán, é a época máis acaída para practicar deporte na nosa costa”, manifestou o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, xunto ao técnico municipal de Deportes, Fran Romay.
Prazo de inscrición
As inscricións estarán operativas dende as 09.00 horas do 8 de xuño ata as 14.00 horas do día 12. Este trámite formalizarase de maneira presencial no Rexistro Xeral do Concello de Ribeira, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, ou de maneira telemática a través da sede electrónica municipal, no apartado ‘Trámites destacados’ e ‘Solicitude xenérica’. En ámbalas modalidades será preciso xuntar a ficha de inscrición cuberta.
O pago efectuarase unha vez confirmada a matrícula antes do 30 de xuño a través da sede electrónica municipal, en ‘Trámites destacados’ e ‘Autoliquidacións’. Cubriranse os datos que se requiren dos tributos ‘P.P Actividades deportivas do verán’ ou ‘Prezo público actividades náuticas’. Poderase aboar a taxa correspondente na opción de pagar online ou imprimir o recibo e facer o ingreso na sucursal bancaria ou en caixeiro.
No 15 de xuño publicaranse as listaxes de persoas que solicitaronpraza para a súa comprobación e corrección de erros se fose necesario; mentres que as listaxes definitivas de persoas admitidas estarán dispoñibles no 22 de xuño. De quedar prazas libres, poderase seguir anotando xente ata que se esgoten as mesmas. Farase de maneira presencial na Oficina de Deportes, entre o 6 e o 10 de xullo, e cubriranse por estrita orde de chegada.
Máis información na páxina web municipal www.ribeira.gal, na Oficina de Deportes do Complexo Deportivo A Fieiteira, no enderezo electrónico deportes@ribeira.gal ou no teléfono de contacto 981 873 646.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.