Wednesday 03 de June de 2026

Ribeira acude con stand propio a Festur para poñer en valor a Festa da Dorna e a Exaltación do Percebe


 Promocionaranse tamén outras citas gastronómicas como a dedicada á navalla e ao polbo

O Concello de Ribeira promocionará as súas celebracións declaradas como Festas de Interese Turístico de Galicia na Feira de Festas de Interese Turístico que se desenvolverá en Silleda do 4 ao 7 de xuño no marco de TUREXPO Galicia.

A Administración local asistirá cun stand propio onde dar a coñecer e poér en valor a Festa da Dorna, que conta con esta distinción dende o 2005, así como a Exaltación do Percebe de Aguiño, que a conseguiu no 2022. Pero tamén divulgará outras citas gastronómicas que se desenvolven no municipio durante o verán como a Festa da Navalla de Aguiño ou a Festa do Polbo de Palmeira.

Durante o acto no que se deu conta da participación na feira, a concelleira de Turismo, Ana Barreiro, declarou que esta “é unha excelente oportunidade para promocionar as nosas festas, tradicións, recursos e proposta relacionadas co turismo facéndoo nun espazo que se considera un escaparate consolidade e de gran proxección, tanto destinado a profesionais do sector do turismo como a público en xeral.”

A isto engadiu que, tanto a Dorna como o Percebe “gozan de moita fama, pero queremos seguir traballando para impulsar máis estes festexos, ademais de facer chegar a máis xente outros que cremos que podemos potenciar moito máis como a Navalla ou o Polbo.”

Pola súa parte, o presidente da R. e I. Cofradía da Dorna, Álex Nespereira, apuntou que esta festa foi “pioneira” en conseguir o selo en Ribeira; unha singradura que se desenvolverá do 17 ao 24 de xullo neste 2026.

Tamén se pronunciou o patrón maior da Confraría de Pescadores de Carreira-Aguiño, José Antonio Santamaría, para quen a presenza nesta feira “revaloriza o noso sector e o noso produto.”

O stand ribeirense proporcionará información sobre os distintos eventos que se celebran no municipio, ademais de material turístico e a proxección de vídeos sobre os recursos do concello. O espazo destinado á divulgación de todo canto ten por ofrecer Ribeira situarase a carón de outras localidades como A Pontenova, Monterroso ou Catoira.

Deja un comentario