Tuesday 02 de June de 2026

Comezan as obras de renovación do parque infantil da rúa Castelao


 O investimento supera os 86.000 euros dentro do POS+2025

O Concello de Ribeira inicia as obras de renovación do parque infantil da rúa Castelao, en Aguiño, coa finalidade de crear un espazo de ocio infantil que dea resposta ás necesidades actuais da rapazada da parroquia. Ata alí desprazáronse a concelleira de Obras, Herminia Pouso, e o seu homólogo de Servizos Sociais, Vicente Mariño, para comprobar o arranque desta actuación.

A intervención supón a retirada dos actuais elementos de xogo para crear unha nova superficie lixeiramente máis ampla, na que se colocará un equipo combinado con capacidade para uns 36 nenos e nenas (dotado de tobogán, plataformas e zonas de rube), unha randeeira dobre, dous muelles con figuras de animais e un balancín tipo carrusel. A maiores, dotarase de pavimento de caucho continuo, se ben se manterá o valado perimetral actual ao ser colocado recentemente.

Os traballos son executados pola empresa Urbanismo Técnico Sostenible, S.L. por un importe de 86.887,84 euros, IVE incluído, dentro do POS+2025, nun prazo de tres meses.

Deja un comentario