Monday 01 de June de 2026

O Concello de Carballo investirá 665.000 euros na transformación da primeira planta do mercado municipal para reforzar a súa actividade cultural, social e comercial


O Concello de Carballo impulsa un ambicioso proxecto de reforma integral da primeira planta do mercado municipal co obxectivo de converter este espazo nun equipamento máis moderno, versátil e adaptado ás necesidades actuais da programación cultural e social. A actuación, incluída no Plan de Actuación Integrado “Carballo á man” e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), contará cun investimento de 665.434,13 euros e permitirá mellorar de maneira substancial as prestacións dun dos edificios públicos máis emblemáticos do municipio. O proxecto saíu hoxe a licitación, e as empresas interesadas teñen de prazo ata o 29 deste mes para presentar as súas ofertas.
A intervención desenvolverase na planta superior do mercado municipal, un espazo que actualmente acolle bailes, funcións do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), conferencias, exposicións, feiras, actividades formativas, encontros veciñais e numerosos actos institucionais e culturais ao longo do ano.
O proxecto técnico deseñouse para dar resposta ás limitacións actuais de compartimentación, climatización e illamento acústico que condicionaban o uso do recinto. Coa nova ordenación, a planta gañará unha enorme flexibilidade funcional, permitindo a celebración de actividades de diferentes formatos de maneira simultánea:
• Espazo central: máis de 550 metros cadrados de referencia para grandes eventos e citas multitudinarias.
• Salas polivalentes: creación de dúas salas independentes de aproximadamente 164 e 129 metros cadrados para actividades de menor formato.
• Climatización e ventilación: instalación dun sistema integral para garantir o conforto térmico durante todo o ano.
• Acondicionamento acústico: incorporación de revestimentos específicos e elementos fonoabsorbentes de última xeración.
• Novos servizos: creación de almacéns funcionais e camerinos adaptados para as compañías e artistas.
• Renovación tecnolóxica: modernización completa da iluminación, a rede eléctrica e actualización dos sistemas de seguridade contra incendios.
O prazo previsto para a execución das obras de reforma da primeira planta é de oito meses.

Dobre estratexia: impulso cultural arriba, dinamización comercial abaixo
Esta actuación enmárcase nunha estratexia máis ampla de revitalización do mercado municipal. Precisamente na sesión celebrada hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente para a concesión dos postos de venda e almacéns actualmente dispoñibles nas instalacións municipais.
A medida busca incrementar a actividade económica do mercado, favorecer a incorporación de novas iniciativas comerciais e reforzar o comercio de proximidade, ampliando a oferta de produtos e servizos á disposición da veciñanza.
Deste xeito, o Concello de Carballo impulsa de maneira simultánea dúas liñas de actuación complementarias: por unha banda, a modernización e mellora da planta superior como espazo cultural, social e comunitario; e, pola outra, a dinamización da actividade comercial da planta baixa mediante a ocupación de novos postos de venda. O obxectivo común é consolidar o mercado municipal como un dos grandes centros de actividade económica, cultural e social de Carballo.
“Queremos un edificio cheo de vida: un motor económico na planta baixa que apoie o produto de proximidade e os nosos comerciantes, e un referente cultural moderno, cómodo e flexible na planta superior onde a nosa veciñanza e o FIOT dispoñan dun espazo á altura do que Carballo merece”, sinala o concelleiro de Feiras e Mercados, Contratación e Participación Veciñal, Ramón Varela.

Deja un comentario