Friday 22 de November de 2024

Lecer Activo bota andar un ano máis para promover o benestar persoal e social das persoas maiores e das persoas con discapacidade que residen en centros de titularidade da Xunta


No deseño da programación para maiores tiveron un papel activo tanto as persoas residentes nos centros como os propios equipos profesionais, en tanto que son eles os que deciden as actividades nas que teñen interese en participar, un elemento fundamental para acadar os obxectivos do programa: fomentar o benestar físico, mental e social a través do lecer

O programa Lecer Activo, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, bota andar un ano máis orientado a ofertar nos meses de verán un feixe de actividades de ocio que axuden aos maiores e ás persoas con discapacidade a pasalo ben e gozar dunha serie de iniciativas que, ao mesmo tempo, acadarán a mellora da calidade de vida destas persoas. Dentro desta programación destaca o gran abano de posibilidades que ofrece ás persoas maiores con actividades deportivas como a andaina no Bosque de Galicia, actividades en contacto coa natureza como Amaromar ou actividades culturais como as representacións teatrais. Respecto á programación destinada ás persoas con discapacidade, cómpre subliñar actividades deportivas como a vela adaptada, tenis adaptado, de contacto coa natureza como as actividades con cans e cabalos, así como as culturais como os contacontos.

Por unha banda, o programa Lecer Activo beneficiará aos maiores que viven en centros residenciais de titularidade pública (Residencia de Maiores de Carballo, Residencia Fogar de Maiores Torrente Ballester de A Coruña, Residencia de Maiores de Ferrol, Residencia de Maiores de Oleiros, Residencia da 3ª Idade da Pobra do Caramiñal , Residencia Volta do Castro, Residencia da 3ª Idade de Santiago de Compostela, Residencia de Maiores de As Gándaras-Lugo, Residencia de Maiores A Milagrosa de Lugo, Residencia de Maiores de Burela, Residencia de Maiores de Monforte de Lemos, Residencia de Maiores Nosa Sra. Dos Milagres de Ourense, Residencia de Maiores de Castro Caldelas, Residencia do Carballiño para maiores con autonomía, Residencia de Maiores de Vigo Meixoeiro, Residencia de Maiores de Vigo Arieiro, Residencia de Maiores de A Estrada, Residencia de Marín e Residencia de Maiores de Campolongo-Pontevedra) co obxectivo de fomentar que estas persoas sigan a ser parte activa da sociedade. Os programas destinados ás persoas maiores do programa Lecer Activo incorporan accións que axudan a manter un nivel axeitado de benestar persoal e social en termos físicos, emocionais e psicosociais, e que permiten que os maiores persoas sigan formando parte da sociedade na que viven, con independencia de cal sexa o seu modo de residencia. Na oferta de actividades do Programa Lecer Activo 2016 teñen un papel activo tanto as persoas residentes nestes centros como os propios equipos profesionais, en tanto que son eles e elas os que deciden as actividades nas que teñen interese en participar, e isto é un elemento fundamental cara a que a través deste programa se poidan acadar os obxectivos que o mesmo ten: fomentar o benestar físico, mental e social a través do lecer.

A programación estrutúrase en tres epígrafes básicos como son os de deporte, natureza e cultura. As actividades baseadas no deporte centraranse nas andainas saudables. Unha actividade que conxuga tanto a actividade física como o contacto coa natureza en tanto que van a ter lugar no Bosque de Galicia, na contorna da Cidade da Cultura, e no que hai preto 9.000 árbores de especies autóctonas galegas.

No que respecta á natureza, as actividades permitirán ás persoas estar en contacto co mar así como achegarse dende un punto de vista recreativo á actividade náutica grazas a actividade Amaromar que, na súa primeira edición, vai dirixida a centros residenciais do interior de Galicia, e para isto desprazaranse ata Baiona, onde nas instalacións do Club de Iates, coñecerán de primeira man e a través de persoas expertas, o mundo náutico dende unha perspectiva lúdica e recreativa, combinando o paseo para coñecer as instalacións náuticas, a saída en barco pola baía de Baiona e Illas Cíes, así como un percorrido cultural guiado pola vila de Baiona.

Por último, tocante á cultura, destacan tres actividades: teatro e contacontos, e tamén espectáculos de maxia. A actividade de teatro vai xirar ao redor da peza teatral ‘Don Juan de Voadora’, e a través da que se traballan as capacidades mentais, o exercicio, a dicción, e como ferramenta tamén para combater a tristura ou o aburrimento. Ademais a obra aborda clichés existentes sobre a terceira idade e afonda no papel das persoas maiores como parte activa da nosa sociedade. Esta actividade terá lugar en dous centros residenciais nos que conformarase un grupo de participantes que durante dúas semanas realizaran un obradoiro ao redor da obra ‘Don Juan de Voadora’ no que traballarán diversas capacidades para a posterior representación pública da obra dando visibilidade a este colectivo de persoas maiores e as súas capacidades. A actividade de contacontos ‘Menores mais maiores’ será compartida entre nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade, do colexio Santiago Apóstol, con persoas maiores do centro residencial Porta do Camiño de Santiago de Compostela, coa vontade de xerar un espazo onde potenciar as relacións interxeracionais e conxugando a sabedoría coas tecnoloxías para crear unha curta de animación. Deste xeito os cativos contaranlles un conto ás persoas maiores, e elas contaranlles algunha experiencia da súa vida, e dese contacontos conxunto sairá unha nova trama ideando as personaxes e escenas para a creación e gravación da curta a través do proceso de animación e manipulación dos bonecos. A actividade de maxia baixo o lema ‘A ilusión non ten idade’ ponse en marcha para desenvolver espectáculos de maxia naqueles centros residenciais nos que convivan tanto persoas autónomas como persoas en situación de dependencia.

Programación para persoas con discapacidade
A participación das persoas con discapacidade en actividades de tempo de lecer, culturais e deportivas é fundamental tanto na súa saúde como no desenvolvemento dos procesos de socialización e da personalidade. A súa realización favorece a estimulación cognitiva, sensorial ou física e facilita a adquisición de habilidades sociais ao tempo que permite o establecemento de relacións imprescindibles para a inclusión e a participación nos diferentes ámbitos da sociedade. A Consellería de Política Social, neste caso como entidade titular dos Centros de Atención ás Persoas con Discapacidade (CAPD) da Coruña, Sarria e Redondela, pon en marcha a edición 2016 do Programa Lecer Activo para as persoas que residen nestes tres centros. A edición deste ano 2016 do Programa Lecer Activo ofértanse unha serie de actividades relacionadas como no caso dos maiores co deporte, a natureza e a cultura, para que o desenvolvemento das potencialidades creativas, deportivas ou artísticas das persoas con discapacidade para mellorar a calidade de vida destas persoas.

Por unha banda, no que atinxe ás actividades deportivas, destacan as disciplinas de Vela adaptada, Tenis adaptado e tamén un programa de actividade física adaptada. Estas actividades contribúen a complementar as actividades que se promoven a través da colaboración da Xunta coas entidades de iniciativa social mediante os convenios de colaboración que anualmente se asinan coas mesmas. Coa realización destas actividades preténdese traballar o empoderamento destas persoas, de xeito que se fomente a súa autoestima e se reforcen as súas potencialidades. Para a actividade de Vela adaptada vaise contar coa colaboración da Escola de Vela Adaptada do Real Club de Iates de Baiona, e participarán persoas residentes no CAPD Redondela. Tamén neste centro levarase a cabo un programa de actividade física adaptada nas propias instalacións e espazos. Para a actividade de Tenis adaptado contarase cos servizos da Escola de Tenis Marineda, e participarán persoas residentes no CAPD A Coruña. Tamén, no caso do CAPD Redondela, levarase a cabo un programa de actividade física adaptada

No caso das actividades relacionadas coa natureza, estas englobarán saídas e excursións por espazos naturais así como actividades con animais (cabalos, cans…). Dentro das actividades asistidas por animais, as persoas residentes no CAPD A Coruña participarán por segundo ano nunha actividade asistida por cans con circuítos de axilidade, superación ou pasarela, así como outros exercicios de obediencia. Neste ano 2016, tamén van participar nesta actividade as persoas residentes no CAPD Sarria. No CAPD Redondela será unha actividade con cabalos, equinoterapia, a que permitirá ás persoas residentes participar nunha iniciativa que terá como obxectivo contribuír a achegar melloras na súa vida a nivel emocional, relacional, de comunicación e de autonomía persoal. As actividades de Excursións e Visitas a paraxes naturais, consistirán en saídas en grupo coa finalidade de coñecer e gozar dos espazos naturais e das súas árbores, plantas e animais. As excursións previstas serán as da aldea As Salgueiras (sita no lugar de Soandres, concello de A Laracha na provincia de A Coruña) para os residentes no CAPD A Coruña; a granxa escola de Barreiros (sita no concello de Barreiros na provincia de Lugo) para as persoas residentes no CAPD Sarria; o parque zoolóxico de Marcelle (sito en San Martín de Guillar, no concello de Outeiro de Rei na provincia de Lugo) para os residentes no CAPD Sarria.

Tocante ás actividades enmarcadas no eido da cultura, nesta edición centraranse na música, en contacontos e teatro, así como excursións de carácter cultural. Deste xeito, as persoas con discapacidade serán protagonistas activos ao ser actores e actrices da actividade de teatro pero tamén gozarán como espectadores destas actividades. No caso das excursións e saídas culturais, poderán coñecer museos e outros equipamentos similares, de xeito que a través de actividades axeitadas ás súas necesidades poidan gozar ao igual que o resto da cidadanía, da cultura. A actividade de música, contacontos e teatro ten entre os seus obxectivos desenvolver e expresar as capacidades expresivas e creativas das persoas con discapacidade, así como potenciar a súa capacidade comunicativa, de expresión corporal, plástica e rítmico-musical; tamén aumentar a súa autoestima e facilitar a integración social no seu grupo de iguais e na sociedade. Nas dramatizacións participarán as persoas residentes no centro e tamén os traballadores do mesmo. Dentro das excursións culturais destacan a saída cultural do CAPD de Sarria ao Museo do Ferrocarril de Monforte de Lemos ou as saídas do CAPD da Coruña á Casa das Ciencias, á Casa do Home (Domus), e á Casa dos Peixes-Aquarium Finisterrae, entre outras.