Monday 01 de June de 2026

O Concello de Curtis inicia o operativo de roza da súa rede viaria para previr incendios forestais e garantir a seguridade


● Os traballos abarcan os 600 quilómetros de estradas asfaltadas e pistas forestais do municipio e comezaron o pasado 25 de maio

O Concello de Curtis ten en marcha dende o pasado 25 de maio un amplo operativo de roza da rede viaria municipal, que abarca máis de 600 quilómetros de estradas asfaltadas e pistas forestais. Os traballos, que previamente incluíron a limpeza das parcelas de titularidade do Concello, teñen como obxectivo a prevención de incendios forestais e a garantía da seguridade viaria.
O dispositivo conta con catro traballadores que se distribúen en dúas quendas para cubrir un horario de 6:00 a 22:00 horas. A maquinaria empregada inclúe dous tractores equipados con cadansúa rozadora, unha de brazo e outra de arrastre, o que permite actuar nas marxes das vías con celeridade.
A época estival eleva considerablemente o risco de incendio forestal, polo que manter limpas de vexetación as beiravías e faixas adxacentes resulta esencial para reducir a propagación do lume e protexer as zonas poboadas e os espazos naturais do concello. Ademais, a roza mellora a visibilidade nas vías e elimina obstáculos que poden poñer en risco a seguridade de condutores e peóns.

Deja un comentario