Monday 01 de June de 2026

Sesenta persoas participan en Boqueixón na andaina pola Ruta dos Pescadores, que abre o programa Goza do Ulla 2026


Unhas sesenta persoas participaron nunha andaina pola Ruta dos Pescadores de Boqueixón, que este ano abriu a programación do “Goza do Ulla 2026”. Se a choiva foi a protagonista da edición de 2025, na que mesmo obrigou a acurtar o traxecto, este sábado foi todo o contrario e a expedición desfrutou do seu percorrido por un tramo da Rede Natura 2000 que vén de ser posto en valor polo Concello de Boqueixón cun investimento de máis de 60.000 euros para ampliar o percorrido, mellorar a súa sinalización e construír unha escaleira no acceso á Fervenza de Codeso.

As persoas participantes concentráronse na igrexa de San Pedro de Donas, punto final do percorrido e onde deixaron os seus vehículos, xa que se trasladaron en autobús ata o inicio da ruta: Ponte Ledesma. Acompañados polos concelleiros de Turismo, José Luís Mareque Simón; e de Mantemento e Limpeza, José Manuel Iglesias Gómez, os sendeiristas iniciaron o itinerario visitando un núcleo poboacional cun conxunto etnográfico moi importante composto pola igrexa parroquial Divino Salvador de Ledesma, a Ponte Vella de Ledesma e as Insuas de Gres sobre o Ulla.

Desde aí, percorreron unha ruta de 6,2 km de dificultade media-baixa polo roteiro dos Pescadores (Rede Natura 2000), espazo natural protexido. Trátase dunha fermosa sende propias dos pescadores cunhas vistas de gran beleza ata a parroquia de Donas.

Goza do Ulla

O programa “Goza do Ulla” é unha iniciativa promovida polos concellos de Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Santiso, Agolada, Arzúa, Vila de Cruces, Touro, Boqueixón, Silleda, A Estrada, Vedra, Teo, Padrón, Pontecesures, Dodro, Valga, Catoira, Rianxo e Vilagarcía de Arousa. que inclúe unha vintena de rutas de sendeirismo por estes municipios, que se desenvolven ata o 24 de outubro.

As próximas citas serán o sábado 6 de xuño en Dodro, onde se percorrerán As Brañas de Laíño; e o domingo 12 de xullo en Antas da Ulla, “Ulloando polo nacemento”. O resto de camiñatas concentraranse nos meses de agosto, setembro e outubro.

Deja un comentario