Monday 01 de June de 2026

A Xunta de Goberno dá luz verde ao plan de medidas correctoras dos desequilibrios na zona de mercado residencial tensionado


O documento abrangue o período 2026-2029 e inclúe tres programas diferenciados. Tamén incorpora unha calendarización e identifica indicadores para facilitar ao longo dos tres anos de vixencia da declaración de ZMRT a avaliación do seu cumprimento.

A Xunta de Goberno aprobou este luns o Plan específico de medidas necesarias para a corrección dos desequilibrios evidenciados na zona de mercado residencial tensionado (ZMRT), recentemente autorizada pola Xunta de Galicia e que producirá efectos a partir do día seguinte a que o Ministerio de Vivenda publique no BOE a resolución.

“Temos unha estratexia clara e coñecida en materia de vivenda que xa estamos implementando á que se suma a declaración de Santiago como ZMRT, para conter a escalada dos prezos de vivenda e garantir a súa dispoñibilidade”, defendeu a portavoz municipal, Míriam Louzao.

O borrador deste plan xa se incluíu xunto coa solicitude da declaración e, unha vez autorizada, o Concello dispoñía dun prazo de dous meses para aprobalo. Agora, unha vez aprobado na Xunta de Goberno Local, remitirase á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Vivenda para o seu coñecemento e publicarase na web municipal.

O plan, que abrangue o período 2026-2029 dado que a declaración de ZMRT ten unha vixencia de tres anos, inclúe tres programas diferenciados (A, B e C) con medidas que xa están en marcha e outras que se pretenden activar, indicando os prazos para cada caso.

Míriam Louzao concretou que o programa A inclúe medidas específicas para optimizar o uso do parque residencial existente, moitas delas xa en marcha. Inclúense aquí, por exemplo:

• A limitación do uso turístico do parque residencial, que xa está producindo efectos como a redución dos pisos turísticos que baixaron á metade nos últimos dous anos.

• O gravame fiscal ás vivendas baleiras con carácter permanente. Xa se modificou a ordenanza do IBI para aplicalo e estamos elaborando o censo que permitirá implantala.

• Ou a esixencia do cumprimento dos deberes de conservación, rehabilitación e uso, coa inclusión de novos inmobles no Rexistro de soares en 2026 e súa saída a poxa pública en 2027.

O programa B destínase a ampliar o parque de vivenda protexida:

• Medidas destinadas á creación dun parque municipal de vivenda en alugueiro, como os edificios da Caramoniña e outras actuacións que impulsaremos a través de diferentes fórmulas e aproveitando todas as ferramentas e os recursos dispoñibles, internos e externos.

• Medidas destinadas a incorporar reservas de vivenda protexida no centro da cidade, como a modificación do planeamento no ámbito do antigo Peleteiro que aprobamos definitivamente en marzo e que establece a obriga de destinar polo menos o 45% da superficie total edificable, excluída a planta baixa, a vivenda protexida. (Pendente do proxecto de equidistribución que lle corresponde á propiedade)

• Medidas para mobilizar solo para vivenda protexida, mediante a cesión de parcelas á Xunta de Galicia ou a constitución de dereitos de superficie sobre parcelas municipais para construír vivendas e utilizalas durante o período estipulado, con posterior reversión da parcela e da edificación ao Concello.

• Medidas fiscais para incentivar a creación de vivendas protexidas, como as bonificacións xa incorporadas no IBI e no ICIO que xa se poden solicitar.

O programa C está destinado a mellorar a eficiencia da administración. Algunhas das medidas incluídas neste programa xa están en marcha, como por exemplo:

• A reestruturación e reorganización funcional dos servizos urbanísticos que xa se implementou en febreiro.

• A supresión do requisito de depositar avais por posibles danos na vía pública nas solicitudes de licenza de obra con orzamentos inferiores a 100.000 €, agás nos casos obrigatorios por lei, e a simplificación da tramitación das licenzas de obra de mellora da envolvente dos edificios, ambas xa acordadas.

• A actualización da ordenación urbanística de varios ámbitos de solo urbano non consolidado que non foron desenvolvidos ata agora, co obxectivo de facilitar o seu desenvolvemento. Está en marcha o traballo de identificación e análise deses ámbitos que permitirían incrementar a oferta de vivenda aproveitando os espazos intersticiais da cidade e contribuíndo a coser o tecido urbano de Santiago.

O plan incorpora unha calendarización e identifica unha serie de indicadores para facilitar ao longo dos tres anos de vixencia da declaración de ZMRT a avaliación do seu cumprimento.

Reparación dun coletor no Castiñeiriño

A portavoz municipal informou así mesmo da aprobación do proxecto para reparar un tramo do colector de saneamento que se cruza coa estrada AC-841 na rúa do Castiñeiriño, no Combarro.

“Esta reparación é necesaria para a posta en servizo das vivendas promovidas pola Xunta de Galicia nesta zona, con cuxo desenvolvemento se afectou a infraestrutura da zona”, engadiu.

O orzamento para esta obra ascende a 63.089,44 euros (IVE incluído) e prevé un prazo de execución de 4 meses.

Deja un comentario