A representante do Goberno autonómico visitou a senda peonil executada no lugar de Pazos ao abeiro do Plan Hurbe e a zona onde está prevista a construción dun novo itinerario peonil na estrada AC-424, en Corme
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitaron hoxe no concello de Ponteceso a senda peonil executada no lugar de Pazos ao abeiro do Plan Hurbe e a zona onde está prevista a construción dun novo itinerario peonil na estrada AC-424, en Corme.
A representante do Goberno galego destacou que ambas actuacións reflicten “a aposta da Xunta por mellorar a seguridade viaria, facilitar os desprazamentos a pé e contribuír á mellora da calidade de vida da veciñanza, especialmente nos municipios do rural”.
A delegada da Xunta visitou a zona na que se prevé executar unha nova senda peonil na estrada autonómica AC-424, en Corme, cuxo proxecto vén de ser aprobado provisionalmente polo Consello da Xunta do pasado 11 de maio e que contará cun investimento de preto de 565.000 euros.
Belén do Campo destacou que esta actuación permitirá continuar avanzando na mellora da seguridade viaria e no fomento da mobilidade sostible no municipio, ao conectar mediante un itinerario peonil seguro os núcleos de Corme Aldea e Corme Porto, principal centro de servizos da zona.
A actuación desenvolverase entre os puntos quilométricos 6+630 e 7+356 da AC-424 e permitirá habilitar unha senda de 685 metros de lonxitude pola marxe esquerda da estrada, enlazando coa senda peonil xa existente ata Corme Porto.
O novo itinerario contará cun ancho superior aos dous metros e pavimento en cor terrizo, incorporando ademais unha nova beiravía de medio metro ao longo de todo o percorrido. Entre os puntos quilométricos 6+728 e 7+356 executarase tamén unha cuneta previa á senda para mellorar a drenaxe e a seguridade da infraestrutura.
O proxecto inclúe igualmente a construción dun muro de contención de formigón armado nas proximidades do punto quilométrico 7+120 para minimizar as afeccións a unha vivenda existente e reducir os movementos de terras necesarios para a execución da obra.
Ademais, prevese a pavimentación dos accesos e entradas ás propiedades que atravesan o novo itinerario, a execución das actuacións de drenaxe necesarias e a preinstalación das canalizacións para futuras redes de telecomunicacións e abastecemento.
A representante do Goberno galego lembrou que esta actuación dá continuidade ás melloras impulsadas pola Xunta nesta mesma estrada, onde no ano 2024 xa se executou o itinerario peonil do Couto cun investimento superior aos 361.000 euros.
Segundo indicou, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publicou hoxe mesmo este proxecto para a súa información pública, tanto para os efectos previstos na Lei de estradas de Galicia como para a tramitación expropiatoria necesaria para a execución das obras, que afectará a 22 parcelas do municipio. A previsión é aprobar definitivamente o proxecto no outono para, a continuación, redactar o proxecto construtivo e licitar as obras, que contan cun prazo estimado de execución de nove meses.
Plan Hurbe
Belén do Campo tamén comprobou en Pazos o resultado das obras xa rematadas, que supuxeron un investimento global próximo aos 400.000 euros. A actuación consistiu na construción dunha senda peonil na marxe esquerda da estrada AC-419, entre os puntos quilométricos 2+990 e 3+350, así como na habilitación dunha zona de aparcamento, a execución de dous pasos de peóns e o reforzo da sinalización existente.
A delegada explicou que esta intervención permitiu mellorar notablemente a seguridade viaria na contorna, ao tempo que deu continuidade ao itinerario peonil existente mediante a creación de pasos de peóns seguros e espazos adaptados ás necesidades da cidadanía.
Estas obras executáronse ao abeiro do Plan Hurbe, o programa impulsado pola Xunta para promover actuacións de urbanización e mellora de espazos públicos, accesibilidade, eliminación de barreiras arquitectónicas e renovación de equipamentos públicos. Neste caso, a Xunta financiou o 70 % do investimento, cunha achega de 278.074 euros, mentres que o Concello de Ponteceso asumiu os 119.174 euros restantes.
Belén do Campo subliñou que o Plan Hurbe “é unha ferramenta fundamental para facer máis atractivos os nosos pobos e vilas, reforzar a súa competitividade económica e contribuír á fixación de poboación no territorio, especialmente no rural, a través da creación de espazos públicos máis accesibles, seguros e funcionais”.
Belén do Campo reiterou o compromiso da Xunta coa creación de infraestruturas que favorezan unha mobilidade máis segura, sostible e accesible para todos os veciños e veciñas de Galicia.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.