Monday 01 de June de 2026

O Polígono de Bergondo acollerá a VI edición da súa Urban Trail solidario


● A proba terá lugar o día 14 de xuño.

● A recadación do evento será destinada de forma íntegra á Fundación Martín Álvarez Muelas para a investigación do cancro infantil.

● As inscricións permanecerán abertas ata o xoves, 11 de xuño.

O Concello de Bergondo abriu as inscricións da VI edición da súa Urban Trail solidario. Na presentación estiveron presentes a alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez; a concelleira de Desenvolvemento Económico, Pilar Barja; e a xerente da Comunidade de Propietarios do Polígono, María Jesús García Souto. Esta iniciativa solidaria, organizada pola propia administración local e a Comunidade de Propietarios do Polígono de Bergondo, conta tamén co apoio do Club Atlético de Bergondo e da Federación Galega de Atletismo.

O evento celebrarase o vindeiro domingo , 14 de xuño, ás 10:00h co dobre obxectivo de fomentar o deporte entre o colectivo empresarial do Polígono de Bergondo e recadar fondos para a investigación do cancro infantil, destinándoos de forma íntegra á Fundación Martín Álvarez Muelas.

Esta iniciativa contará con distintas probas para todas as idades, que serán disputadas no polígono do municipio, con diferentes categorías, horas de saída e premios. O día comezará coa entrega de dorsais a partir das 08:30h, ata 30 minutos antes do inicio de cada unha das probas. A partir do 10.00 h darán comezo as probas, empezando cunha carreira absoluta de aproximadamente 6 quilómetros e coa andaina, que percorrerá a mesma distancia. A partir das 11:15h e ata as 11:35h terán lugar as probas para as categorías sub 14, sub 16, sub 12, sub 10, prebenjamín e pitufos, con percorridos que oscilarán entre os 500 metros e o quilómetro de distancia. Finalmente, a xornada concluirá coa cerimonia de entrega de premios, prevista para as 11:45h. Este horario podería ir variando en función do número de persoas rexistradas.

As inscricións, xa abertas, realizaranse na páxina web de Carreiras Galegas ata as 23:59h do xoves, 11 de xuño. Tamén existe a posibilidade de inscribirse na zona de saída o propio día do evento, ata 30 minutos antes de cada unha das probas.

En canto aos prezos de inscrición, o custo para a carreira absoluta sitúase en 10 euros, mentres que para as categorías nas que participen persoas nadas entre 2011 e 2021 terá un custo de 5 euros. Pola súa banda, a participación na andaina terá un prezo de 8 euros para adultos e 5 euros para menores de idade. Así mesmo, ofrécese a posibilidade de colaborar mediante o dorsal 0, permitindo realizar unha achega á causa sen necesidade de disputar a proba.

Deja un comentario