· A preinscrición está aberta desde hoxe, luns 1 de xuño.
· Habilitáronse formularios en liña para facer efectiva a preinscrición.
· Tamén se oferta de xeito gratuíto unha actividade para formar parte da Danza de Arcos e participar no desfile das Festas do Carme.
O Concello de Camariñas abriu hoxe, luns 1 de xuño, o proceso de preinscrición nas 648 prazas ofertadas de obradoiros de tempo libre e actividades acuáticas para este verán.
A oferta repártese entre varias quendas ao longo do período estival e con máis peso para os obradoiros de tempo libre. Estes talleres de conciliación, para mozos e mozas nados entre 2014 e 2022, celebraranse en tres lugares de maneira simultánea: Camariñas, A Ponte do Porto e Camelle. En total, nesta modalidade ofrécense 600 prazas.
O horario previsto é de luns a venres de 10:00 a 13:30 horas. A primeira das quendas arrincará o 2 de xullo e finalizará o 15 do mesmo mes. Do 20 ao 31 de xullo celebrarase a segunda quenda. Do 3 ao 14 de agosto a terceira e as actividades finalizarán cun tramo final do 17 ao 28 de agosto.
O proceso de preinscrición para estes obradoiros estará aberto ata o día 8 de xuño. Esta matrícula poderase formalizar de maneira telemática cun formulario ao que se accede a partir da ligazón ou o QR publicados na web do Concello ou as súas redes sociais e enviando o xustificante de pago a deportes@camarinas.net. Tamén de maneira presencial na oficina de Deportes municipal.
Por outra banda, o prazo para preinscribirse nas actividades acuáticas remata o 8 de xuño e pode formalizarse a través dos mesmos medios previstos para os obradoiros. Celebraranse no Club Náutico de Camariñas e contarán con dúas quendas: a primeira do 2 ao 15 de xullo; a segunda, do 20 ao 31 xullo. O número de prazas por quenda é dun máximo de 24. Están orientadas a persoas nadas en 2018 e anos anteriores.
En todas as actividades de verán promovidas polo Concello de Camariñas teñen preferencia os empadroados. No caso de recibir máis solicitudes destes que prazas ofertadas, realizaranse sorteos para a asignación final.
Formulario de preinscrición nos obradoiros de tempo libre: https://forms.gle/dvPe5jqDt4DMPgRt7
Formulario de preinscrición nas actividades acuáticas: https://forms.gle/Xintu9cNWGnDD6ea6


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.