— A cinemateca da Xunta acolle esta semana varias citas do (S8) Mostra de Cinema Periférico e celebrará o día 12 a clausura de Cinema en curso 2025-2026
— As últimas entregas de ‘Territorios mutantes’ afondan nos imaxinarios queer con encontros con Paula Tomás Marques e Irene Bailo Carramiñana
— A programación despídese o día 30 cunha cita arredor do tratamento da noite no cine co filme de Azorín e unha conversa do realizador con Xosé Cobas en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío
A Filmoteca de Galicia abre mañá a programación de xuño cunha serie de filmes sobre eclipses agrupados baixo o título O obturador cósmico, no marco da xornada inaugural da (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, e pechará o mes o día 30 cunha cita especial arredor do filme Onte á noite conquistei Tebas, de Gabriel Azorín, última proxección da temporada 2025-2026 na sala José Sellier.
A carteleira mensual da cinemateca da Xunta inclúe o remate da primeira edición do ciclo Territorios mutantes coa dobre sesión Imaxinarios queer, ademais doutros títulos recentes que abordan esta temática desde perspectivas diversas. Completan o calendario unha proposta destacada en Fóra de serie co pase de Kill Bill: The Whole Bloody Affair en 35 mm e con subtítulos en galego e dúas sesións de Off Galicia con presentación e entrada de balde.
Tamén, dentro do apartado de didáctica que mantén durante todo o ano a Filmoteca de Galicia en colaboración coa asociación A Bao A Qu, o día 12 terá lugar o acto de clausura e de presentacións de filmes rodados polo alumnado galego participante na presente edición do programa Cinema en Curso.
Semana coa (S8) XVII Mostra de Cinema Periférico
Como é xa habitual, a primeira semana de xuño incorpora na sala José Sellier varias proxeccións que forman parte da (S8). A apertura será mañá martes, con entrada de balde para a sesión O obturador cósmico, que contará coa presentación da cineasta e crítica cinematográfica Elena Duque. A Coruña será un dos mellores lugares para avistar a eclipse solar total o 12 de agosto, polo que a imaxe e un dos eixos da (S8) deste ano baséanse nas eclipses. A sesión recolle algunhas películas arredor deste tipo de movementos astrais, con obras de cineastas como Larry Jordan, Georges Méliès, Bill Morrison e os portugueses Gusmão e Paiva, entre outros.
Ata o sábado ofreceranse os bloques Sinais 1 (día 3), que incluirá varios filmes realizados nestes últimos dous anos coas intervencións dos seus creadores tras as proxeccións; John Porter 1 (día 4), coa participación do propio Porter na conversa co público; e Gradual Speed (día 5), coa presenza de Els van Riel. A xornada do día 6 estará dedicada á Kinothek Asta Nielsen, cunha masterclass e co programa Kinothek Asta Nielsen, presentado por Karola Gramann e Heide Schlüpmann, tamén con acceso gratuíto.
Imaxinarios queer para pechar Territorios mutantes
O ciclo Territorios mutantes conclúe en xuño cun bloque final dedicado aos imaxinarios queer, protagonizado por dúas creadoras que dialogarán co público tras a proxección das súas películas. O día 9 proxectarase Duas vezes João Liberada, seguida dun encontro coa directora Paula Tomás Marques moderado por Elsa Tébar, e o día 10 será a quenda de Queer-me, cun coloquio conducido por Jara Yáñez no que participará a realizadora Irene Bailo Carramiñana, ambos con presentación e entrada de balde. A carteleira complétase con outras estreas recentes vinculadas a esta temática, como Un día con Peter Hujar (día 11), Misericordia (días 13 e 16), Pillion (días 17 e 18) e La misteriosa mirada del flamenco (días 19 e 23).
Gabriel Azorín e a escuridade como peche antes do verán
A programación da cinemateca da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude despedirase o día 30 cunha sesión especial arredor da presenza da noite natural no cinema que incluirá a proxección de Onte á noite conquistei Tebas, filmada case que integramente na escuridade e o Encontro da noite, unha conversa entre Gabriel Azorín e Xosé Cobas organizada en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.
Onte á noite conquistei Tebas é unha coprodución da empresa galega Filmika Galaika e contou cunha axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais para a súa realización. Filmouse nas termas de Bande (Ourense) e tras o seu paso polos festivais de Venecia ou a Seminci de Valladolid, a presentación especial na Filmoteca antecederá á estrea en salas, prevista para o 28 de agosto. Como complemento a esta cita, os días 23 e 26 recuperaranse as catro curtametraxes anteriores de Gabriel Azorín, completando así unha retrospectiva do seu traballo en solitario.
Fóra de serie e Off Galicia
Entre as propostas de Fóra de serie, destaca este mes a proxección de Kill Bill: The Whole Bloody Affair (día 25) na súa versión completa, en 35 mm e con subtítulos en galego, un pase singular polo formato e pola versión lingüística. A sección inclúe tamén Qui som de Salvador Sunyer (días 2 e 3), Los ilusos 13+13 de Jonás Trueba (días 11 e 12), En la corriente de Hong Sang-soo (días 16 e 17) e obras de Jim Jarmusch: Father Mother Sister Brother (días 19 e 20) e o díptico de Noche en la Tierra (días 26 e 27).
No apartado Off Galicia haberá dúas sesións con presentación e entrada de balde: Todo pode esperar (día 12), documental de Borja Casal sobre o músico César Morán, e Guerra civil, presidio o exilio (Tríptico) (día 18), composto por tres curtametraxes dirixidas por Alicia López Méndez e Javier López Rodríguez.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.