Monday 01 de June de 2026

Carral reabre o ximnasio municipal tras as obras de ampliación e mellora do Complexo Deportivo


• Entre as melloras destaca a ampliación da zona de ximnasio ou a creación dunha nova sala de actividades.

• Este sábado, 6 de xuño, terá lugar o acto de reapertura.

O Concello de Carral informa da finalización das obras de mellora e ampliación do Complexo Deportivo Municipal, unhas actuacións que permitiron modernizar e ampliar significativamente as instalacións destinadas á práctica deportiva, especialmente no que respecta ao ximnasio municipal.
Entre as principais melloras realizadas destaca a ampliación da zona de ximnasio en máis de 100 metros cadrados, así como a creación dunha nova sala de actividades dirixidas de 150 metros cadrados. Estas actuacións permitirán ofrecer un servizo máis cómodo, funcional e adaptado ás necesidades actuais das persoas usuarias, incrementando a capacidade e mellorando as condicións para a práctica deportiva.
Con motivo da reapertura das instalacións, o vindeiro sábado 6 de xuño terá lugar un acto institucional e de portas abertas no que a cidadanía, as persoas usuarias e os colectivos deportivos poderán coñecer de primeira man os novos espazos, as melloras executadas e a renovada distribución do complexo. Será a partir das 11.30 horas.
Co obxectivo de completar o traslado, montaxe e posta a piques de toda a maquinaria e equipamento deportivo desde o Pavillón Municipal do Espiño ata o Complexo Deportivo Municipal, será necesario suspender temporalmente a actividade do ximnasio durante os días 4 e 5 de xuño.
O servizo retomará o seu funcionamento habitual o luns 8 de xuño, xa nas instalacións renovadas do Complexo Deportivo Municipal e nos seus horarios habituais de apertura. Así mesmo, as clases de pilates volverán desenvolverse na nova sala de actividades dirixidas.
Durante os últimos meses, debido á execución das obras, a actividade deportiva desenvolveuse de forma provisional no Pavillón Municipal do Espiño para garantir a continuidade do servizo e minimizar as molestias ás persoas usuarias.

Deja un comentario