As obras da primeira fase permitirán renovar por completo a ala norte do edificio, mellorar a eficiencia enerxética e reforzar a accesibilidade das instalacións
O Concello iniciará este luns as obras da primeira fase da reforma integral dos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre, unha actuación estratéxica destinada a modernizar unha das infraestruturas deportivas con maior actividade da cidade.
A intervención permitirá renovar unhas instalacións que, tras décadas de uso continuado, presentaban un importante desgaste tanto nos seus acabados como nos sistemas construtivos e instalacións técnicas. O obxectivo é ofrecer un servizo de maior calidade aos milleiros de deportistas, familias e clubs que utilizan semanalmente este complexo deportivo municipal.
Esta primeira fase desenvolverase na ala norte do edificio e inclúe a reforma integral dos espazos interiores, a renovación completa das instalacións e unha importante mellora da eficiencia enerxética. Entre as actuacións previstas destacan a substitución do sistema de produción de auga quente sanitaria por outro máis eficiente e sustentable, a incorporación de sistemas de climatización e ventilación, a execución dunha nova fachada ventilada para mellorar o illamento térmico e a renovación das redes de fontanaría, saneamento, electricidade e iluminación.
Ademais, reorganizaranse os espazos para adaptalos ás necesidades actuais de uso, incrementando a funcionalidade dos vestiarios, mellorando as dependencias destinadas á arbitraxe e creando novos espazos accesibles para persoas con mobilidade reducida.
“A Cidade Deportiva da Torre é unha instalación única en Galicia, cun nivel de actividade extraordinario que cada semana acolle centos de partidos e adestramentos e dá servizo a milleiros de deportistas, polo que a reforma dos seus vestiarios, unha demanda histórica dos clubs e das persoas usuarias, vai converterse por fin nunha realidade”, sinalou Manuel Vázquez.
As obras permitirán tamén resolver diversas patoloxías derivadas do paso do tempo, como filtracións, fisuras e deficiencias en distintos elementos construtivos, contribuíndo así a prolongar a vida útil do edificio e a mellorar as condicións de uso da instalación.
Esta actuación constitúe o primeiro paso dun proxecto global que se desenvolverá en dúas fases e que culminará coa renovación completa do edificio de vestiarios da Cidade Deportiva da Torre.
Con esta actuación, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas deportivas municipais e coa creación de espazos máis accesibles, eficientes, seguros e confortables para a práctica deportiva, dando continuidade ao plan de investimentos promovido polo Goberno de Inés Rey para renovar os equipamentos deportivos da cidade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.