Saturday 16 de November de 2024

A Xunta reitera a importancia de visibilizar e promover a situación da muller no ámbito profesional e social


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participou esta tarde na mesa de debate organizada por empresarias de Galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella reiterou a importancia de visibilizar e promover a situación da muller no ámbito profesional e social.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou nunha mesa de debate organizada por Empresarias Galicia, que tivo lugar no Círculo de Empresarios de Galicia, onde destacou a labor destas cinco empresarias de Vigo, unidas por intereses comúns e profesións diferentes que iniciaron en xaneiro deste ano unha nova andaina, chamada Empresarias Galicia, coma asociación aberta a todas as persoas que entendan a igualdade e a corresponsabilidade como un principio activo.

López Abella fixo especial fincapé en que xerar sinerxías, boas sintonías, grupos de traballo, colaboración, accións formativas e accións que lonxe de promover a competitividade nos ensinan a traballar dende a cooperación, colaboración establecen redes de apoio que permiten continuar crecendo, visibilizando as dificultades e promovendo e xerando oportunidades de mellora políticas, sociais, persoais, familiares e sociais.

Novos retos na consecución da igualdade real e efectiva
Na súa intervención, a titular de Igualdade, indicou que no eido da brecha salarial, as causas das diferenzas de retribución entre mulleres e homes son numerosas e complexas e reflicten principalmente a discriminación en razón do sexo, así como as desigualdades vinculadas á educación e o mercado de traballo.

Na mesma liña, destacou que estas causas poden resumirse basicamente en seis grandes aspectos, coma a segregación horizontal do mercado de traballo; a segregación vertical nas organizacións laborais; a dificultade para a conciliación e escaso uso da corresponsabilidade por parte dos varóns; a falta de transparencia das retribucións; e a persistencia dos estereotipos de xénero, ademais das circunstancias individuais das persoas asalariadas.