Monday 01 de June de 2026

O Castelo de Narahío desvela o cartel do XXXI Festival do Río Castro


A Asociación Veciñal O Castelo de Narahío presentou o sábado o cartel e máis a programación do XXXI Festival do Río Castro. Fíxoo cunha andaina histórica e ambiental guiada polo arqueólogo Eloi Saavedra na que participaron unha vintena de persoas. O paseo completou en algo máis de dúas horas o traxecto entre o castelo e a igrexa parroquial seguindo o sendeiro do Castro, con paradas explicativas nos principais elementos patrimoniais.

Cadrando co remate da ruta, O Castelo de Narahío organizou unha sesión vermú animada pola Corral Poliafónica do Aturuxo de Melpómene na que se deu a coñecer o deseño do cartel anunciador do festival -obra, de novo, de Juanlu Nacha- e o programa completo de actividades e grupos que actuarán o sábado 4 de xullo no lugar da bóla.

A xornada comezará coa chegada a media mañá das merendadas ao campo do festival -no lugar da Bóla, ao pé da ponte medieval da Ferraría- e cunha sesión musical de mediodía ao pé do toldo (o bochinche) coa música dos Meninos do pandeiro (Xan Pérez e Carlos Quintá). Despois de xantar haberá xogos tradicionais para todas as idades, seguidos do obradoiro musical familiar de Montse Rivera e Mercedes Prieto, As Armadanzas, previo ao campionato de deportes rurais no que varios equipos -sempre mixtos- compiten por ser os mellores á chave, co tronzador ou tirando á corda. O festival completarase á noite coas cantareiras de Algarabía, Os Carecos e Tiruleque. Toda a información pode consultarse en www.festivaldoriocastro.gal e nas redes sociais da entidade.

O Castelo de Narahío dedica á organización cerca de 20.000 euros, sufragados con fondos propios e cunha subvención nominativa do Concello de San Sadurniño. Ademais, este ano tamén participa na campaña de difusión A paisaxe que sabe, promovida pola área de Turismo da Deputación da Coruña para reivindicar os nosos sabores e saberes culinarios como un dos grandes atractivos da provincia.

Deja un comentario