Monday 01 de June de 2026

Valle González expón ata finais de xuño na Galería da Casa do Concello de San Sadurniño


A galería da Casa do Concello exhibe desde hoxe a obra da pintora ferrolá Valle González, que poderá visitarse ata o próximo 30 de xuño. A mostra reúne unha selección representativa do seu traballo artístico, caracterizado pola experimentación técnica, o tratamento da luz e unha mirada emocional sobre a realidade que a rodea. A exposición ofrece unha oportunidade para coñecer a traxectoria emerxente dunha autora que atopou na pintura unha nova forma de expresión persoal e creativa. Pode visitarse de luns a venres polas mañás, nos horarios de atención ao público das oficinas municipais.

Nacida en Córdoba e criada entre as provincias de Córdoba e Xaén, Valle González leva anos asentada en Galicia, unha terra que considera o seu fogar. Actualmente reside en Ferrol, cidade na que asegura sentirse fondamente arraigada. Esa conexión co territorio reflíctese tamén na súa obra, na que o mar e as paisaxes atlánticas ocupan un lugar destacado. Segundo explica a propia artista, “o mar, tan presente nesta terra e tan diferente ás paisaxes da miña infancia, forma xa parte da miña maneira de mirar e sentir”.

Aínda que a súa andaina na pintura comezou hai aproximadamente dous anos, a relación coa arte acompáñaa desde sempre. Procede dunha familia na que a creatividade e a sensibilidade artística foron transmitíndose de xeración en xeración. “Medrei entre cadros, obras e conversas sobre arte”, lembra a autora, engadindo que todos os membros da familia pintan e que varias das súas irmás tamén realizaron exposicións. Entre as referencias que conserva mesmo figura unha antepasada que recibiu clases do recoñecido pintor cordobés Julio Romero de Torres, un detalle que ilustra a fonda presenza da arte no seu ámbito familiar.

Os seus primeiros pasos como creadora deunos coa acuarela, unha técnica que lle permitiu descubrir novas posibilidades expresivas e iniciar unha procura persoal. Desde aquela, a artista foi ampliando recursos e intereses, explorando diferentes procedementos e materiais. O gusto pola experimentación, polas texturas e polo diálogo entre luces e sombras constitúe unha das características máis visibles do seu traballo.

A autora aborda temáticas diversas que van desde as paisaxes e as escenas urbanas até a natureza ou os pequenos detalles da vida cotiá. Con todo, máis alá dos motivos representados, o seu principal obxectivo é transmitir sentimento. “Pinto desde a emoción”, afirma, subliñando que cada obra busca reflectir experiencias e sensacións vividas. Esa dimensión emocional convértese nun fío condutor que une toda a súa produción artística.

Esta é a segunda ocasión na que Valle González trae o seu traballo a San Sadurniño, despois dunha primeira experiencia expositiva nas paredes da sala DZINE. A pintora considera esta nova mostra un importante paso na súa evolución creativa e agradece a oportunidade quelle ofrece o Concello de San Sadurniño para seguir dando a coñecer a súa obra e, como di a propia artista, para. “compartir o meu traballo e seguir medrando a través da arte”.

Deja un comentario