A delegada da Xunta participou na inauguración do obradoiro de emprego dual de Noia-Lousame e Outes que formará a 20 persoas, durante 9 meses, en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en actividades auxiliares en aproveitamentos forestais
A delegada da xunta na Coruña, Belén do Campo, participou na inauguración do obradoiro de emprego dual de Noia-Lousame e Outes que formará a 20 persoas, durante 9 meses, en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, grazas a un investimento da Xunta total de 522.500 euros incluídos 67.500 en 15 incentivos que consisten en 3.000 euros para as empresas por persoa contratada e outros 1.500 para o concello por cada inserción alcanzada.
O alumnado do obradoiro de emprego desenvolverá 36 actuacións de conservación, mellora ambiental e acondicionamento de espazos públicos e forestais nos concellos de Noia, Outes e Lousame, a través de traballos de desbroce, poda, eliminación de especies invasoras e recuperación de parcelas.
Estas actuacións permitirán ao alumnado adquirir experiencia práctica e formación especializada en traballos forestais e de conservación ambiental, ao tempo que contribúen á mellora dos espazos públicos e naturais dos tres concellos participantes
A delegada da xunta destacou que en toda Galicia na convocatoria 2026-2027 está previsto un investimento de 48 millóns de euros para ao redor dun cento de talleres para formar sobre 2.000 persoas desempregadas
Na primeira convocatoria, na provincia de A Coruña tamén se aprobaron un total de 20 obradoiros de emprego por un importe de case 10 millóns de euros para formar a 400 alumnos e na comarca do Barbanza 4 talleres de formación dual en Noia, Muros, Boiro e Ribeira por un importe de case 2 millóns de euros. Estas accións van dirixidas a mellorar as oportunidades laborais de 80 persoas desempregadas.
No concello de Noia, os participantes do obradoiro levarán a cabo tarefas de desbroce, poda e eliminación de especies invasoras nas parcelas da Chainza, Praza de San Lázaro, Monte do Bolo, entorno do local social da Barquiña, Praza de Bergondo, Praza de Sofreixos, Xardíns Felipe de Castro, Alameda de Noia, Praza das Angustias, Praza Campo da Feira, Paseo Marítimo e rúa Antón Avilés, así como nos espazos do Malecón de Gasset, Malecón de Cadarso e Malecón de San Lázaro.
Ademais, actuarán no entorno do local social de Barro con traballos de poda e eliminación de especies invasoras. No Campo de fútbol de Pontenafonso executarán tarefas de desbroce, poda, tala de árbores, plantación de especies forestais e acondicionamento da parcela. Tamén realizarán labores de desbroce, retirada de árbores caídas e eliminación de especies invasoras nas parcelas de Castelo de Nimo e Campo da Rodas.
No municipio de Outes, o alumnado desenvolverá actividades auxiliares de conservación e mellora de montes en parcelas de Volta do Cercado; de Pedregal e en Medoñas.
Pola súa banda, no concello de Lousame, os integrantes do obradoiro realizarán tarefas de desbroce, poda e eliminación de especies invasoras no Bosque do Neno-A Silva, na parcela da depuradora-Rebullo, na finca exterior Castro Comparada, na Casa do Concello, no Colexio da Silva e zona deportiva, no Centro de Día Municipal, no local social de Vilacoba e na pista polideportiva de Vilacoba.
Os traballos tamén chegarán a dúas parcelas do Monte da Filgueira e a 5 do Poboado da Mina de San Finx, onde se acometerán actuacións de limpeza e acondicionamento ambiental.
Detalles da convocatoria
Cada proxecto terá un mínimo de 10 e un máximo de 20 participantes, cunha duración de nove meses. A selección do alumnado priorizará as persoas con especiais dificultades de inserción laboral, como mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornados, persoas desempregadas de longa duración, maiores de 52 anos ou persoas sen titulación superior, así como persoas con discapacidade ou beneficiarias da renda básica de inserción.
Igual que na primeira convocatoria, primarase a formación en certificados profesionais da familia agraria e de seguridade e medio ambiente ou que inclúa obras ou servizos vinculados ao ámbito da prevención de lumes e restauración dos territorios afectados por incendios forestais en 2025, ademais dos promovidos por concellos resultantes de fusión.
En canto aos incentivos, volverán ser de 3.000 euros por persoa contratada para as empresas e manteñen unha compensación de 1.500 euros aos concellos por cada alumno ou alumna contratada tras finalizar o obradoiro. Ademais aqueles concellos que realicen diagnósticos de empregabilidade recibirán a maiores outros 2.000 euros. A Xunta asume tanto o financiamento da formación como os custos salariais derivados dos contratos do alumnado traballador.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.