Os traballos sobre a estrutura avanzan con vistas á súa restauración integral e reapertura total, prevista nas vindeiras semanas
O Concello afronta o treito final de actuacións para renovar a pasarela peonil entre estacións que sobrevoa a avenida Alfonso Molina, unha infraestrutura clave para facilitar o tránsito a pé entre os barrios de Catro e Camiños e Os Mallos, e que nos últimos meses está a ser saneada e mellorada.
Neste sentido, mañá está previsto abrir ao paso un dos tres ramais da pasarela que conectan coa rolda das Estacións. Concretamente, a rampla que baixa en dirección á parada de autobús 344, ao pé da avenida. Isto suporá, na práctica, a reapertura parcial da estrutura orixinal entre ambos os lados, xa que as tarefas continuarán nos outros dous ramais co obxectivo de que a pasarela reabra na súa totalidade nas vindeiras semanas.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, fixo fincapé na importancia da renovación da pasarela, “fundamental para adaptar a súa estrutura ás necesidades actuais das persoas usuarias e, de paso, reforzar a súa seguridade”. O Concello inviste case un millón de euros nas intervencións sobre a estrutura, clave para manter as conexións a pé entre a estación de bus e a futura intermodal da Sardiñeira. 700.000 euros anuais para manter e conservar a pasarelas peonís municipais
Ademais da renovación integral desta pasarela, o Concello tamén destina un importante montante anual á conservación e mantemento das estruturas desta tipoloxía que son de titularidade municipal.
A mediados de marzo, o Executivo local adxudicou o contrato necesario para prestar este servizo nos vindeiros dous anos, que supón un investimento de 700.000 euros por exercicio.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.