Monday 01 de June de 2026

O Fondo de Cooperación da Xunta permite ao Concello de Curtis a recuperación e posta en valor de dúas edificacións anexas na capital municipal, Teixeiro


● A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, selou co alcalde Javier Caínzos os convenios para o financiamento destes proxectos

● A Xunta financiará a adquisición das edificacións situadas nos números 12 e 14 desta avenida, cun préstamo total de 330.000 euros

A Xunta colabora co Concello de Curtis na recuperación e posta en valor de dúas edificacións situadas na capital municipal, en Teixeiro, na avenida Doutor Martínez Pardo, números 12 e 14, co obxectivo de destinalas a usos sociais, culturais e xuvenís.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou co alcalde de Curtis, Javier Caínzos, dous convenios de colaboración para o financiamento destas actuacións.
Trátase da concesión de dous préstamos sen xuros, a través do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes, que suman un importe total de 330.000 euros, e que os concellos poden devolver nun prazo máximo de 8 anos.
Un dos convenios asinados no marco deste fondo permite a adquisición da parcela situada na avenida Doutor Martínez Pardo, 14 de Teixeiro, por un importe de 285.000 euros (parcela e edificacións do restaurante Casa Miraz). Trátase dunha edificación singular que data de 1930.
A través do segundo convenio, selado hoxe, a Administración local prevé a adquisición, por 45.000 euros, dunha segunda parcela anexa á anterior, na avenida Doutor Martínez Pardo, número 12 (o antigo local do cine). Estas adquisicións permitirán dar resposta ás necesidades de instalacións para servizos municipais.
Desde o Concello búscase evitar a degradación das construcións e transformalas nun espazo de dinamización social, cultural, formativo e de ocio veciñal, así como revitalizar a zona entre as prazas de España e a estación.

Deja un comentario