– A fichaxe dun asesor repudiado pola alcaldesa da Coruña descabeza o xa destartalado departamento de Urbanismo cullerdense
– A Administración local está totalmente desmantelada e desorientada, con informes que poñen en dúbida a legalidade dos procesos de selección de persoal.
– José Ramón Rioboo está ausente da realidade municipal e o seu goberno está instalado na inercia.
– A veciñanza de Culleredo paga as consecuencias.
A relación de vasalaxe coa alcaldesa da Coruña, garantiulle durante moito tempo ao alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, bos titulares. Agora esa relación ven de saltar polos aires, polas liortas internas entre as distintas faccións do PSOE.
O último episodio, tal e como denunciou o BNG no Pleno Municipal, o nomeamento como asesora dunha persoa repudiada pola alcaldesa da Coruña. A resposta desta foi a fichaxe do arquitecto municipal, descabezando o departamento de urbanismo cullerdense.
José Ramón Rioboo antepón as súas necesidades nas liortas internas do seu partido ás necesidades do Concello de Culleredo, e isto ten como consecuencia a inestabilidade total da Administración municipal.
En catro anos pasaron por Culleredo catro secretarios municipais. Levamos tamén 4 interventores. Estes profesionais, habilitados estatais altamente cualificados, prefiren en ocasións ir para concellos máis pequenos e alonxados da Coruña, que seguir en Culleredo. O último secretario municipal marcha logo de informar dunha filtración do exame para o posto de Enxeñaría Industrial. A persoa proposta resultaría ser socia da empresa que máis contrata co Concello de Culleredo e que é sinalada polo Consello de Contas por prácticas irregulares nas proximidades das últimas eleccións municipais.
Esta situación xera unha grande inestabilidade no conxunto da plantilla municipal. Departamentos como o de Urbanismo están a traballar baixo mínimos. Cada vez é máis o importe das obras que non se chegan a executar, chegando nalgún exercizo a 4 millóns de euros.
Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, “Culleredo está estancado. José Ramón Rioboo está totalmente ausente da realidade municipal. A gran prexudicada das súas liortas é a que menos culpa ten, a veciñanza de Culleredo. A sociedade está a evoluír a pasos axigantados, pero o goberno municipal está ancorado en inercias políticas de hai 50 anos, sen capacidade de reacción e adaptación aos tempos actuais. Culleredo ten que desenvolver todo o seu potencial e deixar de viver das sobras da cidade da Coruña”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.