Friday 29 de May de 2026

O PSdeG leva ao Parlamento a falta de investimentos da Xunta no rural compostelán e acusa a Rueda de “desprezar” Santiago


Aitor Bouza denuncia que o Goberno de Rueda concentra a maior parte dos convenios de Augas de Galicia en concellos gobernados polo PP mentres seguen pendentes actuacións básicas de saneamento e abastecemento nas parroquias compostelás.

Os socialistas levarán o asunto ao Parlamento de Galicia e presentarán iniciativas para reclamar financiamento autonómico para actuacións pendentes no rural compostelán.

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, anunciou que os socialistas levarán ao Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar que a Xunta financie as actuacións de saneamento e abastecemento pendentes no rural compostelán e acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de volver deixar á capital galega fóra das súas prioridades.
Bouza lembrou que esta mesma semana o Grupo Municipal Socialista reclamou o cumprimento do Pacto polo Rural e a reserva do 1% do orzamento municipal para as parroquias, pero advertiu de que a Xunta tamén ten competencias e recursos para actuar. “Non se pode consentir que a Xunta de Galicia liderada polo señor Rueda só atenda as necesidades, a través de Augas de Galicia, dos concellos do Partido Popular”, denunciou.
O dirixente socialista sostivo que os datos demostran un reparto claramente desequilibrado dos investimentos. Segundo indicou, no ano 2023 o 77% dos convenios de Augas de Galicia foron para concellos gobernados polo PP e en 2024 a porcentaxe elevouse ao 72,7%. Ademais, entre os anos 2023 e 2025, 65 dos 89 concellos beneficiarios estaban gobernados polos populares.
“Cartos hai e competencias tamén. Polo tanto, o que ten que facer a Xunta é incorporar a capital galega ás súas prioridades e atender as necesidades reais do rural compostelán”, reclamou Bouza, que rexeitou que os investimentos da Xunta estean condicionados a outras negociacións ou acordos coa cidade.
O secretario xeral socialista anunciou que o PSdeG presentará iniciativas parlamentarias e emendas para reclamar financiamento específico para estas actuacións e pediu ao PP de Santiago que apoie estas demandas. Neste sentido, instou a Borja Verea a “deixar de xogar ao Dr. Jekyll e Mr. Hyde”, defendendo unha posición en Santiago e outra diferente no Parlamento galego.
Bouza enmarcou esta situación nunha falta de compromiso máis ampla da Xunta coa cidade e asegurou que “hai unha concatenación de actuacións que demostran que Rueda despreza absolutamente Santiago de Compostela”, citando cuestións como a financiación da capitalidade, as infraestruturas deportivas, os centros educativos ou os servizos públicos.
Por último, reiterou que o PSdeG seguirá reclamando investimentos e solucións para as parroquias compostelás porque “as veciñas e veciños do rural teñen os mesmos dereitos e merecen os mesmos servizos públicos de calidade que calquera outro cidadán”.

Deja un comentario