Friday 29 de May de 2026

O Concello de Ribeira entrega os premios do XXXIV Concurso Escolar das Letras Galegas


 A rapazada asistiu tamén a un espectáculo en homenaxe a Begoña Caamaño

O Concello de Ribeira continúa coa programación do Maio Cultural 2026 coa entrega dos premios do XXXIV Concurso Escolar das Letras Galegas. Este acto desenvolveuse hoxe no novo Auditorio municipal, polo que pasaron 400 alumnos e alumnas de primaria para tamén asistir ao espectáculo Chaves invisibles, de Vero Rilo e Luis Iglesias, en homenaxe a Begoña Caamaño.

A alcaldesa, María Sampedro, e a concelleira de Educación, Nucha Brión, fixeron a entrega do galardón a 18 nenos e nenas cuxos traballos destacaron nesta edición do certame ao que estivo chamado a participar todo o alumnado ribeirense de primaria.

Como se extrae da acta do tribunal, “a creatividade dos rapaces e rapazas que participan neste concurso xera no xurado tenrura e admiración. Desde a ciencia ficción, ata o amor e desamor, a defensa do medio, o acoso escolar, a enfermidade e os coidados… Este concurso literario escolar é o crisol onde se xuntan todas as preocupacións e intereses da escola, o mundo da infancia ten aquí a súa voz.”

Na categoría de terceiro e cuarto de primaria, dentro da modalidade prosa, gañaron Laura Lista Estévez, do CEP de Carreira, con Begoña e a súa profe; e Tatiana Martínez Sieira, do CEIP de Artes, con Un anano diferente; Thiago Pérez Santiago, do CPR Bayón, con A sorpresa de Mateo e Sara; Diego Pérez Prol, do CPR Bayón, con Raúl e os viquingos; Hiba El Bakkali Bakkali, do CEIP O Grupo, con A casa dos doces; e María Romero Agraso, do CEIP O Grupo, con O dragón que bota flores pola boca.

En poesía, as distinguidas foron Irina Sampedro Sampedro, do CEIP O Grupo, con Area Secada; e Aida Rosa Ndiaye Cisse, do CEIP O Grupo, con O patio da miña escola.

No que respecta a banda deseñada, atópanse Luca Pena Sánchez, do CEP de Carreira, con A arte da musica galega; Xoán Parada Martínez, do CEP de Carreira, con Unha pandeireta diferente; Rachid Aboukde, do CPR Galaxia, con O señor que esquecía todo. Doutra banda, na categoría de quinto e sexto de primaria, en prosa, distinguiuse a Hegoi López Alberdi, do CPR Galaxia, con Os seareiros; e Diego Fontaíña González, do CPR Galaxia, con Un verdadeiro heroe. Na poesía figuran Yanira Navarro Jiménez, do CEIP de Artes, con Galicia Calidade; Alex Muñiz Mariño, do CPR Galaxia, con Susurros do mar e da noite; e Daniela Quintela Pérez, do CPR Galaxia; con Detrás do vidro. E, en banda deseñada, sobresaíron, Hegoi López Alberti, do CPR Galaxia, con Non á contaminación; e María Vázquez Muñiz, do CPR Galaxia, con Un día na Vía Láctea.

Ao remate, o público asistente levou consigo cadanseu exemplar de Bego e o mundo do revés, de Iria Collazo, editado por Galaxia; obra na que está baseado, precisamente, o espectáculo que acaban de ver.

Deja un comentario