Friday 29 de May de 2026

A alcaldesa cifra en 9,7 millóns de euros o investimento no rural compostelán no que vai de mandato


Goretti Sanmartín dá conta da última reunión do Consello Municipal do Medio Rural e defende que o goberno local vai no bo camiño para atender a débeda histórica co rural compostelán, co foco nunha estratexia de reequilibrio entre o norte e o sur.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou este venres sobre a reunión do Consello Municipal do Medio Rural celebrada no Pazo de Raxoi o pasado martes 26, na que o goberno local fixo “un repaso extenso e detallado de actuacións nas diferentes parroquias”. A rexedora destacou que “este goberno está a cumprir co pacto polo rural e supera a porcentaxe de gasto comprometido”, e concretou que o cálculo orzamentario estrito, contando só os gastos directamente imputados ao departamento de Medio Rural no total dos exercicios 2024, 2025 e 2026, suma 9,7 millóns de euros, que supoñen o 2,23% do total municipal.

Deste investimento, hai máis de 40 proxectos executados ou en marcha que supoñen uns 8 millóns de euros. Goretti Sanmartín concretou tamén que durante os exercicios 2024 e 2025 rematáronse obras no rural por valor de 3 millóns de euros.

Para coñecer en detalle estas actuacións, os membros do Consello recibiron un cadro no que se especifica toda a información das obras, por anualidades, parroquias, e tipoloxía de contrato, de obra ou de gasto; así como un mapa para visualizar a distribución territorial destas actuacións coas que o Concello sigue “unha estratexia de reequilibrio entre o norte e o sur do rural compostelán”. Neste sentido, Sanmartín indicou que no que vai de mandato de gran parte do esforzo investidor centrouse nas parroquias do norte por seren as máis desatendidas historicamente.

Servizos no rural

A reunión tamén serviu para dar conta detallada da programación de rozas, que está seguindo a orde que se acordou coa representación veciñal, ou dos arranxos que se están a realizar nas vías, así como da tramitación do novo contrato para o acondicionamento de gabias, que por primeira vez terá unha dotación específica. Estes tres servizos de mantemento supoñen un gasto neste ano de algo máis dun millón de euros, fronte aos algo menos de 625.000 euros que se dedicaron en 2023.

Durante esta xuntaza falouse así mesmo da atención ao rural por parte doutros servizos, como os educativos ou sociais, así coma do transporte. “A respecto do novo contrato, en proceso de adxudicación neste momento, a representación da veciñanza manifestou súa valoración positiva, tendo en conta que os buses van chegar por primeira vez a todas as parroquias e se vai mellorar a conectividade cos diferentes puntos de interese en toda a cidade”, sinalou a alcaldesa.

Goretti Sanmartín indicou que se aclarou ao Consello que o novo contrato de transporte está deseñado para que o Concello poida realizar axustes sobre o trazado inicial que consta os pregos, polo que poderán facerse mudanzas en función das necesidades que se constaten, dentro do marco das condicións do contrato, para mellorar o servizo ao ámbito rural. “Constátase que o cambio de modelo polo que se optou vai favorecer que se dea unha resposta máis acaída ás necesidades”, destacou.

“Fica claro que estamos atendendo o rural e no bo camiño para equilibrar a débeda histórica”, remarcou a alcaldesa.

Deja un comentario