O alumnado do CPI San Sadurniño participou esta mañá na II Feira Científico-Tecnolóxica do Ortegal, celebrada en Ortigueira, levando ata o evento varios dos proxectos e experimentos científicos nos que traballaron durante os últimos meses.
Entre as propostas presentadas destacou o traballo do equipo Morriña Dynamics, formado por Carolina, María, Estrela e Nicolás, alumnado de 2º da ESO, que amosaron o seu bólido de gas comprimido co que participaron recentemente en Madrid na competición STEM Racing. O proxecto combina deseño, tecnoloxía e traballo en equipo arredor do mundo do automobilismo sostible e a enxeñaría.
Pola súa banda, as alumnas de 4º da ESO Noa, Candela, Lara, Nerea e Xulia participaron como equipo NousCan, dando a coñecer o seu proxecto CanSat: un pequeno “satélite” do tamaño dunha lata de refresco capaz de recoller e rexistrar diferentes datos durante o voo e descenso, seguindo o modelo dun desafío impulsado pola Axencia Espacial Europea.
A participación do CPI San Sadurniño nesta feira permitiu compartir experiencias con outros centros da comarca e poñer en valor o traballo científico e tecnolóxico desenvolvido polo alumnado dentro e fóra das aulas.
O alcalde, Secundino García Casal, e a concelleira de Cultura, Araceli Bellas Castro, acompañaron ao alumnado na cita científica, destacando “a grande creatividade, constancia e enxeño das mozas e mozos, que fixeron proxectos moi avanzados”. O rexedor comentou a este respecto que a rapazada “ten moito talento e tamén un profesorado que sabe apoialo. Por iso é tan importante reivindicar o ensino público”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.