Friday 29 de May de 2026

O II Torneo Cidade de Narón de Hockey Patíns reunirá a máis de 180 deportistas no Val o 6 de xuño


O Concello de Narón acolleu este venres a presentación oficial do II Torneo Cidade de Narón de Hockey Patíns, un evento organizado por Hockey Narón coa colaboración do Padroado de Deportes que terá lugar o próximo sábado 6 de xuño no Pavillón do Val. Ao acto asistiron a alcaldesa de Narón, o edil de Deportes, Ibán Santalla, Verónica Ramos, presidenta de Hockey Narón, e Ibán López, membro tamén da directiva.

O torneo dará inicio ás 10:00 horas e congregará a sete clubs —Hockey Narón, Hockey Club As Pontes, Compañía de María, Hockey Oroso, Traviesas Hockey Club, SD Ponferradina Hockey e Laredo Club de Hockey— con máis de 180 xogadores e xogadoras nas categorías Escolas, Benxamíns e Infantís. Unha das novidades desta edición é a inclusión dun partido da categoría benxamín feminino, reforzando o compromiso do club co desenvolvemento do deporte feminino de base.

“Dende o Concello estamos moi orgullosos de apoiar un torneo coma este, que pon en valor o traballo diario dun club que leva anos sendo referente do hockey patíns en Narón. Ver a máis de 180 nenos e nenas competir aquí, no Pavillón do Val, é a mellor mostra de que o deporte de base é o futuro”, declarou o edil de Deportes, Ibán Santalla.

Pola tarde disputarase un partido sénior internacional entre CDM Hockey Patines e o Infante de Sagres, de Porto, pero a xornada non se limitará á competición deportiva. Ao mediodía haberá pulpeiro do Carballiño no Ambigú de Chelo, na AAVV Irmandiños do Val, que permanecerá aberto todo o día, e unha food truck de pizzas artesás diante da asociación.

Trala entrega de trofeos e medallas, prevista para as 21:00 horas, a cita dará paso aos sorteos e tamén ao concerto do grupo local Keepers, que veñen de ser recoñecidos cun Premio Martín Códax da Música.

Hockey Narón e o Padroado de Deportes convidan á veciñanza a achegarse ao Pavillón do Val e gozar dunha xornada de deporte base, convivencia e ambiente familiar. A entrada é de balde.

Deja un comentario