Inés Rey: “O deporte serve para derrubar barreiras, e neste último ano clubes, deportistas e entidades derrubaron moitas nesta cidade levando con orgullo o nome da Coruña por España e polo mundo”
ExpoCoruña acolleu esta noite a Cea do Deporte que organiza o Concello da Coruña. Esta tradicional celebración foi recuperada no ano 2022 polo Goberno de Inés Rey, sete anos despois de que deixara de convocarse. A alcaldesa presidiu o evento e dirixiu unhas palabras ao milleiro de persoas asistentes a esta gala, que simboliza o fin da temporada deportiva para as Escolas Deportivas Municipais.
“O deporte serve para derrubar barreiras, e neste último ano clubes, deportistas e entidades derrubaron moitas nesta cidade levando con orgullo o nome da Coruña por España e polo mundo”, sinalou Inés Rey. A rexedora foi a encargada de entregar os premios ás 15 persoas e entidades recoñecidas polos seus éxitos e traxectoria deportiva. “O deporte abre moitas portas e na Coruña gústanos tiralas abaixo, como fixeron este último ano moitos clubs, entidades e deportistas, levando A Coruña por bandeira e acadando importantes éxitos”, engadiu Rey.
A Cea do Deporte serve para poñer punto e final ao curso das Escolas Deportivas Municipais, que este ano contaron con case 4.000 persoas usuarias. Unha gran parte das persoas asistentes á cea forman parte deste tecido, que durante todo o ano leva a cabo diferentes actividades nas instalacións municipais.
Ademais, tamén participaron no acto Gonzalo Santa Cruz e Paula Otero, que acadaron os principais recoñecementos individuais como deportistas coruñeses do ano. O acto estivo tamén marcado polos momentos simbólicos, como o premio á traxectoria para Luis Suárez, responsable da escola de boxeo Azteca Box. Tamén foi homenaxeado Manuel García Martínez ‘Parodi’ pola súa dedicación ao fútbol coruñés.
Lista completa de premiados
● Gonzalo Santa Cruz como deportista destacado na tempada 2025/2026
● Paula Otero como deportista destacada na tempada 2025/2026
● Juan Copa como adestrador destacado na tempada 2025/2026
● Luis Suárez como recoñecemento á súa traxectoria deportiva
● Victoria FC como entidadedestacada na promoción do deporte base na tempada2025/2026
● HC Liceo como entidade destacada na tempada 2025/2026
● Club Voleibol Ciudad de A Coruña como entidade destacada na tempada2025/2026
● Bolboretas A Coruña Dragon Boat como entidade destacada na inclusión no deporte na tempada 2025/2026
● O Gran Camiño como recoñecemento á mellor proba deportiva na tempada 2025/2026
● Manuel Garcia Martínez – Parodi como recoñecemento ó traballo feito durante toda unha vida polo fútbol coruñés.
● Marineda Hockey como entidade destacada na tempada 2025/2026
● Maristas como clube destacado na tempada 2025/2026
● RC Deportivo como clube destacado na tempada 2025/2026
● Mª Dolores Pena Graña en recoñecemento polo seu compañeirismo, solidaridade, compromiso e ampla traxectoria nas Escolas Deportivas Municipais da Coruña.
● Carmen López Romero en recoñecemento polo seu compañeirismo, solidaridade, compromiso e ampla traxectoria nas Escolas Deportivas Municipais da Coruña.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.