Friday 29 de May de 2026

Narahío e Sansa inician este domingo a promoción de ascenso á Primeira Futgal


Hai cousa de tres semanas informamos de que o CF San Sadurniño e a UDC Narahío eran firmes candidatos a conseguir a praza de ascenso directo á Primeira Rexional. Facíamos cábalas numéricas de como tiñan que darse os resultados na cabeza da táboa do fútbol comarcar para mostrar as opcións reais que tiñan un e outro, e con certo chovinismo, todo hai que dicilo, suxeriamos que a pugna era cousa dos dous equipos locais e que o terceiro candidato, o Numancia de Ares, era pouco menos que un convidado de pedra á gloria de calquera das nosas escuadras. Pero, mira ti por onde, o fútbol é fútbol, como dicía Boskov, e así, sen facer moito ruído, os de Ares quitáronnos a festa dos fuciños, como dixo o grande Arsenio, conseguindo eles o ascenso directo. Porén, lonxe de acabarse, a cousa está se cadra aínda máis interesante, posto que esta fin de semana arranca unha fase de ascenso a dobre partido que rematará o próximo 21 de xuño. Así, este domingo ás 18:00h o Narahío recibe na Veiga ao Agrón-Barcala CF mentres que o Sansa vai a Zas para xogar no campo Platas Reinoso, tamén o domingo pero ás 17:00h, contra o CD Baio. Se os astros se aliñan mesmo poderiamos ter de novo dous derbis locais con ambiente de grandes finais.

Nada está perdido e todo está aínda por ganar -outra frase lapidaria do mundo da pelota- e tanto San Sadurniño como Narahío teñen agora as mesmas posibilidades de ascender. O play-off puxo o marcador de puntos a cero para ambos equipos, que só teñen que saír ao campo, e ganar, e ganar, e volver a ganar, que dicía Luis Aragonés, para ser un dos tres clubes da zona norte da Segunda Futgal que ascende á Primeira.

Nesa lea hai 12 equipos en total. A mala sorte quixo que os nosos caesen xuntos no mesmo grupo, de modo que ao final só un deles poderá subir. Por diante teñen, no mellor dos casos, catro partidos a ida e volta. O CF San Sadurniño desprazarase este domingo ao concello de Zas para enfrontarse na ida contra o CD Baio (Platas Reinoso, 17:00h). A volta será no campo da Piscina o domingo 7 cun horario aínda por decidir.

Pola súa banda, o Narahío xogará a ida na casa, medíndose este domingo na Veiga ao Agrón-Barcala, nun encontro que comezará ás 18:00h. O domingo da semana que vén os amarelos viaxarán ata Negreira para xogar o partido de volta.

E a partir de aí pode pasar de todo. Nesta primeira eliminatoria poden pasar o Sansa e o Narahío, o Sansa só, o Narahío só… ou, no peor dos escenarios posibles, non pasar ningún dos dous. Sabendo que só un pode ascender, o que ambos equipos e as súas afeccións agardan é que ambos superen os seus compromisos inmediatos e que acaden o billete para a segunda eliminatoria, que nos depararía dous derbis fratricidas de ida e volta sen saír do concello.

Sexa como sexa, o caso é non lastimarse e desfrutar duns play-off que prometen encher de ambiente tanto o campo dos Corrás como o da Veiga. Un momento histórico para o deporte local polo feito de que os nosos dous equipos estean pelexando por subir á Primeira Futgal, aínda que só poida quedar un, como dicía Connor McLeod en “Higlander”.

Deja un comentario