A recollida de dorsais de cara á proba habilitarase mañá nas instalacións do Centro Comercial Cuatro Caminos, das 11.00 ás 20.30 horas
O circuíto Coruña Corre, organizado polo Concello, enfila a súa volta aos Rosales, barrio inmerso nas súas festas e que este domingo vivirá a XIII edición da súa carreira popular, na que está prevista a participación dunhas 1.300 persoas.
A xornada deste domingo comezará ás 10.00 horas coa saída da carreira en categoría absoluta, a carón do pavillón polideportivo do barrio. As persoas participantes nesta quenda percorrerán case seis quilómetros, ao longo das rúas interiores dos Rosales, a estrada do Portiño e o paseo marítimo, combinando treitos de asfalto e adoquín e un último reto como paso previo á chegada a meta: a pendente de subida na volta ao punto de saída.
“A carreira ten un punto de esixencia final que tamén deixa un moi bo sabor de boca ao cruzar a liña de meta. E o percorrido polo paseo marítimo garante sensacións únicas”, detallou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, que subliñou o compromiso do Goberno de Inés Rey para potenciar Coruña Corre como un programa que promova os hábitos saudables a escala interxeracional e, de paso, contribúa a dinamizar os barrios.
Será a cuarta proba desta tempada do circuíto, que xa deixou atrás as citas da Torre, Matogrande – Xuxán – Sector 7 e San Pedro de Visma, e agora busca sucesores para os vencedores do ano pasado nos Rosales: Pablo Bocelo e Vanessa Hervada.
Ademais, como xa é habitual en todas as carreiras do circuíto, a proba absoluta abrirá camiño ás competicións en categorías inferiores, desde a sub-18 ata peques.
A recollida de dorsais, habilitada mañá no Centro Comercial Cuatro Caminos
As persoas que participen na carreira poderán recoller o seu dorsal ao longo deste sábado 30 de maio, no primeiro andar do Centro Comercial Cuatro Caminos, patrocinador do circuíto. O horario de recollida estará habilitado das 11.00 ás 20.30 horas.
Ademais, e xa de cara ao domingo, as e os corredores disporán dun amplo abano de servizos antes, durante e despois da carreira: no pavillón polideportivo municipal dos Rosales, gardarroupa (das 9.30 ás 11.15 horas), duchas (das 10.30 ás 13.00 horas) e avituallamento na meta.
Manuel Vázquez lembrou que a carreira popular dos Rosales marcará o ecuador da tempada de Coruña Corre: coa chegada do verán, o circuíto fará o seu parón habitual para volver xa a mediados de setembro, coa Volta a Oza (13 de setembro) e, xa posteriormente, as carreiras do Ventorrillo (25 de outubro) e Novo Mesoiro (22 de novembro).




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.