Friday 29 de May de 2026

Barral: Votamos non polo recorte nas parroquias e porque desvirtuan a finalidade dos 6,5M€ que o BNG logrou para Ribeira


O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, cualifica o goberno do PP de “malos inquilinos” e critica o abandono total do polígono industrial con “cero euros”, o perigo de privatización da auga e saneamento por décadas e un recorte nas partidas destinadas ao mantemento do rural.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ribeira votou en contra do proxecto de Orzamentos para o ano 2026 presentado polo Partido Popular por “responsabilidade coa veciñanza e para protexer os recursos de todos e todas”. O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, utilizou unha metáfora para describir a situación actual do concello trala moción de censura de outubro de 2025: “Imaxinen que lle deixan a chave dunha casa nova, limpa, coa neveira chea e cartos para as facturas a un inquilino, e ao pouco atópanse a casa patas arriba e as facturas sen pagar. Iso pasa en Ribeira. Deixamos o goberno cun colchón histórico de 6,5 millóns de euros e proxectos nas parroquias por 1,5 millóns, e en sete meses o PP presenta un documento que pretende baleirar a carteira e deixar de lado os proxectos importantes. Vostedes son uns malos inquilinos”.

Pérez Barral desarmou o argumento do goberno local, que presume de contar cos segundos orzamentos máis grandes da historia de Ribeira (34.737.390,17€). O portavoz nacionalista aclarou que esta cifra expansiva é “grazas ao traballo rigoroso de captación de fondos externos desenvolvido polo BNG para impulsar Banda ao Río e Cerqueira”. “Votamos NON porque deixamos os cartos, si, pero vostedes veñen a desvirtuar os proxectos”, recriminoulle á alcaldesa, lembrando que no seu día o PP tentou que os fondos non viñeran para Ribeira e non apoiaron a proposta para solicitar eses mesmos fondos europeos dos que hoxe saca peito.

Advirte de que a mala xestión pode provocar novos “tarifazos” e privatizacións

Pérez Barral lembrou o “lastre” que supón a herdanza recibida do PP: unha débeda de máis de 13 millóns de euros froito de sobrecustos en obras públicas e a ameaza de pagar 4 millóns en sancións por licenzas ilegais. “Esta mala xestión pon en risco a economía do Concello e pode avocar a unha suba de taxas e impostos”, advertiu o voceiro, quen alertou do risco de “novos tarifazos” como o que o PP xa impuxo no ano 2020 co saneamento, obrigando á veciñanza a pagar os pratos rotos da súa política económica.

Do mesmo xeito, amosou a súa fonda preocupación polo “nulo avance” e a “folla de ruta oculta” do PP para privatizar servizos esenciais como a auga potable e o saneamento. “Moito nos temos que o goberno queira ir á privatización e entregar estes recursos a grandes multinacionais durante décadas para procurar o beneficio privado, un sobrecusto que os veciños pagarán nos recibos. Non imos permitir que volvan mercantilizar servizos públicos básicos”, advertiu.

Recorte nas parroquias e 0 euros para o polígono

A análise dos datos demostra, segundo o BNG, o “desprezo” do executivo polas parroquias, destinando a mantemento, conservación e pavimentación apenas 350.000 euros, un “ridículo 1% do orzamento total” que supón unha baixada de 30.000 euros respecto ao ano anterior. Tamén caen en 30.000 euros as partidas para levar auga potable ás vivendas que carecen dela e redúcense en 350.000 euros as de saneamento, o que contrasta cos 5,5 millóns investidos polo BNG no rural en dous anos. Pola contra, o goberno aumenta en 782.000 euros o gasto corrente e prevé subir un cento de miles de euros a recadación por sancións de tráfico, até rozar os 300.000 euros. “Van obrigar á policía local a recadar en multas máis que nunca”, afirmou Pérez Barral.

Con respecto ao polígono os nacionalistas cualificaron de “inaudito” que o orzamento teña “cero euros” para licitar o polígono industrial de Pedras Vermellas, desmentindo as promesas de María Sampedro e criticando que o PP votase en contra dunha emenda do BNG no Parlamento galego para que a Xunta achegase 3 millóns de euros para que este ano para o parque empresarial puidera licitarse.

Para o BNG, o documento certifica a “submisión total” da alcaldesa ás siglas do PP en Santiago, actuando como unha “delegada da Xunta” en lugar de defensora de Ribeira. Como exemplos, citou a intención de tirar ao lixo 800.000 euros xa investidos para mandar a residencia pública de maiores “ao monte”, illando aos maiores, ou o silencio ante os abusos de Portos de Galiza e a carencia dramática de médicos de Sanidade pública que provoca listas de agarda insostibles.

Unha alternativa firme, positiva e con futuro

Malia a dureza dos datos e a denuncia do parón que vive o municipio, Luís Pérez Barral pechou a súa intervención mantendo un ton construtivo e emitindo unha mensaxe cargada de optimismo, solvencia e esperanza de cara ao futuro de Ribeira.

O portavoz nacionalista garantiu que o BNG demostrou que sabe gobernar con rigor, atraer investimentos millonarios sen endebedar as arcas públicas e poñer sempre por diante o benestar da xente.

“Nós imos seguir traballando sen descanso, na rúa e nas institucións, para devolverle a este concello a dignidade, a transparencia e o progreso que hoxe lle arrebataron”, concluíu de xeito positivo Pérez Barral, quen botou man das verbas do poeta Manuel María para selar o compromiso do grupo nacionalista co pobo: “Como ben dicía Manuel María: ‘O futuro non se espera, hai que ir buscalo’. E o BNG vai ir buscalo xunto coas veciñas e veciños de Ribeira”.

Deja un comentario