Friday 29 de May de 2026

O PP de Arzúa esixe ao Goberno Local solicitar un novo obradoiro dual de emprego


• Os populares consideran “moi grave” que o Concello deixase pasar unha oportunidade de formación e creación de emprego para veciños e empresas na convocatoria de finais de 2025.

• Rafael Rivadulla reclama explicacións ao alcalde e á concelleira de Promoción Económica e pide que Arzúa non perda tamén a nova convocatoria aberta ata o 26 de xuño.

O Partido Popular de Arzúa denunciou a falta de apoio do goberno tripartito local ao emprego e á promoción económica do municipio despois de coñecerse que o Concello desistiu de solicitar a convocatoria dos obradoiros duais de emprego da Xunta de Galicia correspondente ao procedemento TR353A.

Os populares lembran que esta liña de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración foi convocada no Diario Oficial de Galicia o 25 de novembro de 2025, e que permitía aos concellos impulsar programas de formación e emprego con contratación de persoas desempregadas.

Desde o PP consideran especialmente preocupante que, mentres numerosos concellos da contorna, coma O Pino-Boimorto-Touro, ou Ordes-Frades-Mesía, xa iniciarán novos obradoiros na vindeira semana, Arzúa quedase completamente fóra por decisión do propio goberno local.
O portavoz popular, Rafael Rivadulla, asegurou que “é moi grave que un Concello que necesita fixar poboación, crear oportunidades e apoiar ás empresas locais deixe pasar unha ferramenta tan importante para o emprego”.

Rivadulla lembrou ademais que o último obradoiro solicitado por Arzúa foi no ano 2022, xunto cos concellos de Melide, Toques e Santiso, baixo o nome “Natureza no Camiño de Santiago”, sen que desde entón o actual goberno local mostrase interese real por continuar fortalecendo este tipo de iniciativas.
“O problema é que este goberno vive instalado nas prioridades equivocadas. Mentres outros concellos traballan para captar recursos e crear oportunidades, en Arzúa seguimos vendo abandono do Concello e falta de xestión”, afirmou.

O PP considera que esta situación evidencia a desconexión do tripartito coas necesidades reais do municipio, especialmente nun momento no que moitos veciños demandan oportunidades laborais e apoio á actividade económica local.
“Os veciños pagan as consecuencias dun goberno máis preocupado polas cuestións ideolóxicas e polas súas cuestións internas que por atender os problemas diarios da xente”, sinalou Rafael Rivadulla.

Os populares lembran ademais que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración abriu agora unha nova convocatoria destas axudas, cun prazo de solicitude que permanecerá aberto ata o 26 de xuño, polo que instan ao Concello de Arzúa a actuar con responsabilidade e non deixar escapar unha segunda oportunidade.
“Nós queremos saber se o alcalde Xoán Xesús Carril e a concelleira Begoña Balado van asumir dunha vez a súa responsabilidade e solicitar esta convocatoria ou se Arzúa vai seguir quedando atrás por culpa da súa falta de xestión”, concluíu o portavoz popular.

Desde o Partido Popular de Arzúa esixen explicacións públicas sobre os motivos polos que non se presentou solicitude na convocatoria anterior e advirten de que o emprego, a formación e o apoio ás empresas deberían ser unha prioridade absoluta para calquera goberno municipal responsable.

Deja un comentario