O evento celebrarase os días 22, 23 e 24 de maio cun amplo programa de actividades para todas as idades, obradoiros, música, lectura e espectáculos no corazón da vila
O Concello de Noia celebrará os próximos días 22, 23 e 24 de maio unha nova edición da Feira do Libro, unha cita cultural pensada para fomentar a lectura, apoiar o sector libreiro e converter o centro da vila nun espazo aberto á creatividade, á convivencia e á participación da veciñanza.
Durante tres xornadas, a programación combinará actividades dirixidas a público infantil, xuvenil e adulto, con propostas que van desde sesións musicais e lecturas compartidas ata obradoiros de marcapáxinas, chapas, marionetas e banda deseñada.
A feira contará tamén coa implicación da comunidade educativa e das ANPAS de Noia, reforzando así o carácter participativo e familiar dun evento que busca achegar os libros e a cultura á rúa e crear novos espazos de encontro arredor da lectura.
Entre as actividades destacadas figuran a proposta “Leo e a música” para nenos e nenas menores de 3 anos, as lecturas dos institutos de Noia, a lectura silenciosa organizada co Club de Lectura María Mariño, así como o espectáculo “Hoxe e sempre, cantemos e contemos”, a cargo de Esperanza Mara.
As actividades desenvolveranse na contorna da Casa do Concello, nun ambiente pensado para dinamizar o comercio local e promover a vida cultural da vila durante toda a fin de semana.
Dende o Concello de Noia animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta nova edición da Feira do Libro e desfrutar dunha programación diversa que pon en valor a lectura como ferramenta de aprendizaxe, ocio e convivencia.